Días de garabatos e de aprender a escribir

Gonzalo Trasbach
gonzalo trasbach (IM) SOMNIUM

RIANXO

Entre as ringleiras de sepulturas, un sombrío silencio estremeceuche

10 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis de maio. Túa nai morre rodeada dos seus fillos. Agás ti. Chegaches tarde. Aínda arestora non te perdoaches semellante dolorosa torpeza. Perdoouche ela a ti? Pedíchesllo cando quedaches a soas con ela na sala onde estaba o ataúde. Chorabas. Visitas estes días o cemiterio e rezas diante dos nichos dos teus pais. No entorno da igrexa, queres acceder ao camposanto polo camiño entre a muralla do adro e casa dos Ricoy. Estaba pechada a reixa. Logo de dar a volta, ao pasar diante da porta do templo, escoitaches unhas suaves voces de mulleres que viñan de dentro. O recinto sagrado respiraba en calma.

Cae unha nubrada luz sobre as lápidas. Estás diante das escaleiras que levan á parte dos panteóns. Miras cara a Rianxo. Trae o ventiño aromas salgados. Abundan as douradas cores das flores nos cornechos do adro. Pensas que se está asomando o verán. Murmuras polo baixo no medio dun silencio de mármore: «A estación da plenitude da luz do sol, non está feita para os anciáns, os enfermos, os pobres, vagabundos e xonkis… Estas criaturas do señor transfórmanse nestes meses en entes menos visíbeis que ao longo do outono, ou do inverno. Si. Agora calamos e contemplamos o azul dun ceo, que pasa de nós».

Entre as ringleiras de sepulturas, un sombrío silencio estremeceuche. Ollas a foto de teu pai na porta do seu nicho. Marchara un ano antes. Rememoras e musitas: «Un pai é coma unha árbore. É o primeiro ao que gabeamos. Entre as súas ramas, coma os paxaros, aprendemos a facer os nosos primeiros niños». Ás veces, cando pasas por diante da casa familiar, sentes que aínda restan cousas que falan del, pero tamén hai outras que falan da súa ausencia. E entón diríxeste a el dicindo: «Ti sabías que amaba as árbores. Que nas talas entre os machadazos e o silencio fun aprendendo a súa linguaxe. Ocórreseme agora que moitas veces desprezamos a oportunidade de calar e despois arrepentímonos ou sentímonos culpables. Pois ben, como ti sabes, nunca tiven a oportunidade de ser xardineiro. E coido que o faría ben, non cres?».

Cando saes do atrio, seguen as voces das mulleres preto do altar. Á dereita: a corredoira paralela á horta do señor cura que desemboca na praia de Subigrexa. Para nós de pequenos era a senda do tránsito das figuras do descoñecido, do medo. Segundo tiñamos oído, despois da medianoite, esas figuras abandonaban as tumbas e descendían en procesión até o mar para lavar o pus das chagas con auga salgada, o que nós chamabamos bochas, que tiñan nos pés. Talvez por iso nunca nos metiamos sós nese sombrío e húmido carreiro. Iamos toda a tropa.

Cando pasabamos os pedregais, xa estabamos no areal anterior ao Monte de Exipto, onde estaba empotrada a fábrica de ladrillo, que sabiamos que era de Chouza e don Gonzalo, pero descoñecíamos se había algún propietario máis. Un treito máis adiante estaba o forno de tella de Manolo de Loxo.

A fragua de Luís e Secundino pechaba practicamente o litoral de Agañán. E nós faciamos este percorrido case todos os domingos que viñamos á santa misa. Estás de novo fronte ao mar, mirando para Neixón. E, compañeiros, direivos —falaches outra vez só— a nós o mar retrotráenos á infancia. Podo mesmo nomear outra cousa que nos leva a esa etapa da vida: as pizarras e os pizarrillos. E entón vexo as casas das escolas polas que pasamos.

Na Aducil, hogano están restaurando a casiña na que polo menos un ano, que saibas, impartiu clases o mestre Jeremías. Camiñas desde alí até onde se erguía a taberna de Juan e Marceliana. Recordas: enfronte había unha pequena vivenda que habitaba un garda civil coa muller e dous fillos, que andaron con nós á escola antes de marcharen para Santiago.

Pregúntaste se se lembrarán das modestas construcións onde aprendemos a facer garabatos primeiro e despois a escribir. Si. Escribir.