Intuición

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIANXO

Casco de oro de Leiro, que se exhibe en el Castelo de San Antón coruñés
Casco de oro de Leiro, que se exhibe en el Castelo de San Antón coruñés CESAR QUIAN

06 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da homenaxe que se lle fixo en Rianxo a José María Vicente Somoza, descubridor do casco de Leiro, fomos ver por vez primeira a ribeira na que apareceu esta importante reliquia. Aínda é un destes escasos recunchos sen urbanizar do litoral do Barbanza, e lembremos que nos días bonitos da primavera ata o eucalipto ten o seu punto. Gozabamos co mar lambendo as rochas, a vizosa ribeira de Bamio e o Xiabre nese final do Ulla.

Sempre hai que ir en persoa. Eu paso moito tempo lendo papers e libros ao redor de arqueoloxía e historia. As boas investigacións de papel son, evidentemente, vías lexítimas e correctas de acceder ao coñecemento, pero eu nunca acabo de comprender ata acudir ao lugar.

Necesito ver por onde chega a luz, onde pega o vento, a vista que tiñan diante aqueles que decidiron depositar esa xoia de ouro, un dos bens máis prezados daquela comunidade da Idade do Bronce. Que había nesta paisaxe de Rianxo tan poderoso como para lle ofrecer este extraordinario obxecto?

Por suposto non fun quen de resolver o misterio. Hai tres mil cincocentos anos de distancia entre o depósito da xoia na ribeira de Leiro e máis nós. Se cadra non estiven moi lonxe. Nada máis chegar alí a cabeza obsesionóuseme coa dúbida de onde remata o río Ulla e comeza a ría.

Non lles son nada desas discusións bizantinas, así que me chamou a atención que non me puidera quitar a pregunta da cabeza ata que marchei. Por iso visito os lugares e por iso viaxo tanto. Porque aínda gozo sentindo a intuición.