Unha exposición impulsada por Afundación amosa na vila debuxos, retratos, caricaturas, portadas e manuscritos orixinais
04 mar 2026 . Actualizado a las 14:59 h.Despois de estar percorrendo diversos lugares da xeografía galega, a exposición Castelao grafista (facsímile) recala en Rianxo. A mostra pon o foco nas múltiples facetas do seu protagonista, amosando ao debuxante, caricaturista, ilustrador, pintor, ensaísta, escenógrafo... A entidade que a promove, Afundación, busca contribuír a divulgar a obra do rianxeiro.
A exposición foi inaugurada este mércores no auditorio da vila, nun acto que contou coa presenza do rexedor local, Julián Bustelo; o coordinador institucional de Abanca na Coruña, José Manuel Vilariño; a directora da oficina de Rianxo, Paula Outeiral; e a coordinadora adxunta da área de cultura de Afundación, Paloma Vela.
A mostra reúne 19 facsímiles da colección de arte de Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida, dos que 49 pertencen aos fondos artísticos de Abanca. A maiores, exhíbense retratos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas. Tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós, dous manuscritos orixinais de Castelao e 18 portadas de primeiras edicións de libros ilustrados por el.
A exposición, tal que como se explicou no acto de inauguración, está incluída en Corrente cultural, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. Os rianxeiros e todas aquelas persoas que se acheguen á vila poderá gozar desta interesante e completa colección ata o 1 de abril. Neste período, poderá visitarse os luns de 10.00 a 14.00 horas, mentres que de martes a sábado abrirá de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00.
A mostra enmárcase en Cultura por alimentos, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. Así, os visitantes poderán colaborar doando algún alimento non perecedeiro.