Rianxo afonda na vida e na obra do seu escritor máis ilustre

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

DANI GESTOSO

Miguel Anxo Seixas, Emilio Xosé Insua e Francisco Fernández Rei participaron nunha charla sobre Castelao

24 ene 2026 . Actualizado a las 18:30 h.

Os Actos Castelao impulsados polo Concello de Rianxo reuniron o venres no auditorio da vila a Francisco Fernández Rei, académico da RAG; Emilio Xosé Insua, escritor e profesor; e Miguel Anxo Seixas, biógrafo e presidente da Fundación Castelao. O encontro, presentado polo concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, permitiulle aos asistentes revisitar a vida, a obra e as múltiples facetas do autor e galeguista.

A primeira parte do relatorio xirou ao redor do centenario de Cousas, libro publicado en xaneiro do 1926. Seixas explicou como Castelao foi confeccionando as ilustracións para seren publicadas na prensa, destacando delas a combinación de humor, crítica social e unha mirada fondamente humana. Tamén se referiu ao papel destacado que o escritor de Rianxo tivo no plebiscito do Estatuto de 1936, converténdose nun dos grandes motores do proxecto.

Emilio Xosé Insua falou despois dunha faceta moi persoal do homenaxeado, a dun rapaz que tocaba, cantaba e vivía intensamente a mocidade antes de converterse nun referente. Debuxou a un Castelao humano, con luces e sombras, con acertos e tamén con erros, sinalando que, naquela época, o rianxeiro non era un símbolo unánime, senón un intelectual e político que xeraba adhesións, pero tamén discrepancias.

Pechou as intervencións Francisco Fernández, quen afondou nun dos vínculos menos divulgados da biografía de Castelao, a súa relación con Ramón Cabanillas. Explicou que os dous mantiveron unha estreita relación a nivel político, pero tamén artística, sinalando que Castelao poñíalle debuxos ás palabras de Cabanillas. Rematou lendo algúns versos do poema que este último lle escribiu ao autor de Sempre en Galiza cando morreu en Bos Aires, no 1950.

O obrigado e duro exilio de Castelao en Arxentina ou a súa relación con Rafael Dieste foron algúns dos temas que se trataron no coloquio que se estableceu tralos tres relatorios.