A praza Castelao de Rianxo converterase no epicentro da literatura galega coa celebración da Feira do Libro

F. B. RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Imagen de la pasada edición de la Feira do Libro de Rianxo.
Imagen de la pasada edición de la Feira do Libro de Rianxo. CARMELA QUEIJEIRO

Na cita que comeza mañá e rematará o sábado haberá actividades destinadas a todos os públicos e encontros con diversos autores

22 jul 2024 . Actualizado a las 17:59 h.

Rianxo acollerá entre o mércores e o sábado a Feira do Libro, unha cita que converterá á praza Castelao da vila no epicentro da literatura galega. A inauguración oficial terá lugar ás 12.00 horas e contará coa presenza de autoridades locais, autores invitados e representantes do mundo editorial. Esther F. Carrodeguas, escritora e actriz, será a encargada de dar o pregón (13.00). Tras a cerimonia de apertura, a feira abrirá as súas portas aos visitantes, que poderán gozar dunha ampla selección de libros, desde clásicos ata as últimas novidades, ofrecidos por librerías e editoriais de toda a comunidade.

O programa de actividades inclúe presentacións de libros e charlas con autores, talleres literarios e creativos, contacontos e iniciativas para os máis pequenos, mesas redondas, debates, concertos e recitais poéticos. Ademais, a Feira do Libro contará cun espazo dedicado á gastronomía local, onde os visitantes poderán degustar produtos típicos da comarca e gozar da riqueza culinaria galega.

Xornada inaugural

Na carpa de actividades instalada na praza Castelao, Paco Nogueiras ofrecerá, ás 20.00 horas, o seu espectáculo infantil Son animal. Ás 20.45 darase a coñecer a obra A miña vida noutro lugar, de Rosa Suárez. Cando o reloxo marque as 21.30, Inventi Teatro representará As palabras perdidas, función incluída na Rede Cultural da Deputación. Por último, soará a música folk grazas a Budiño, que presentará o seu disco Branca vela (23.00).

Por outra parte, ás 12.00 horas, Alba López Paredes asinará a trioloxía Nándidor e a trioloxía La leyenda de Nóa na caseta da libraría Cándido, mentres que Perfecto Souto fará o propio con Clarisa no espazo de Uróboros. Ambos autores repetirán pola tarde nas mesmas casetas (18.30), aínda que Souto asinará Stricta Funis. A partir desa mesma hora, Isabel Elena Peleteiro estampará a súa rúbrica en O Villa de Pitanxo-Misterios dun naufraxio, na caseta Xacobiño, e Alfonso Barreiro, Fon, fará o mesmo en Banainas, Gazafellos 1 y 2 e Cósmico, no espazo da libraría A Gata Tola.

Durante as vindeiras xornadas seguirase a mesma estrutura e por Rianxo pasarán escritores como Zhienia Maisak, Juan Galán, Miriam Beizana, José Malvárez, Xosé Ricardo Losada e, entre outros.