Estudantes do Félix Muriel impulsan «Cousas», un certame de relatos con debuxos
RIANXO

A iniciativa está dirixida a alumnos de secundaria, bacharelato e formación profesional
21 feb 2024 . Actualizado a las 14:56 h.Un grupo de alumnos de segundo de bacharelato do IES Félix Muriel rianxeiro son os impulsores de Cousas, un certame que pretende renderlle homenaxe ao escritor local Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e á obra del que leva este título. De feito, como neste volume, os interesados en concorrer teñen que presentar un relato breve acompañado dun debuxo.
O concurso está aberto a todos os alumnos de secundaria, bacharelato e formación profesional que non cumpran os 19 anos antes do 30 de xaneiro do 2025. Aqueles que desexen participar teñen ata o 31 de marzo para remitir as súas propostas a través do profesorado. Optan a tres premios de 300, 200 e 100 euros.
Desde o colectivo estudantil encargado da organización explicaron que esta iniciativa busca «a normalización da lingua galega entre os máis novos mediante a creación artística, honrando a unha das figuras máis importantes de Rianxo».
A que está en marcha foi presentada como a primeira edición dun concurso que nace con vocación de ter continuidade no futuro. Os traballos serán examinados por un xurado que dará a coñecer o seu fallo o 17 de maio.