O verdadeiro Xan Quinto

Xosé Comoxo / Xesús Santos

RIANXO

cedida

O famoso bandoleiro era do Araño (Rianxo) e tratábase de Antonio Rodríguez Otero

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai uns poucos anos, o bandoleiro Xan Quinto, que se dicía nacera na zona do Araño («Como do Araño? Era de Palmeira, coño!»), era un personaxe descoñecido. Foron varios os escritores que o citaron nas súas obras, e dedúcese deles que se trataba dun tipo froito da inventiva popular.

O primeiro en facelo con bastante precisión foi J. A. Durán; ao seu dicir, era «alto como un castillo, liviano como un vimbio, fuerte como un carballo». Asaltaba «sobre todo, a los caminantes para robarles, especialmente se caía sobre aquellas gentes que movieran dinero (arrieros, buhoneros, ‘‘mandareiras’’, tratantes de ganado, recaudadores, paisanos que van y vienen del ferial». O erudito Xavier Costa Clavell preguntábase en 1978 se existiría realmente, ou só era unha creación popular. Para Valle-Inclán era un personaxe «alto, fuerte, airoso, cenceño. Tenía barba de cobre y las pupilas verdes como dos esmeraldas, audaces y exaltadas. Por los caminos entre chalanes y feriantes, prosperaba la voz de que era muy valeroso».

A casualidade fixo posible que descubriramos, hai varios anos, uns documentos relacionados con este bandoleiro, que non admitían dúbidas ao respecto do seu verdadeiro nome e do lugar de nacemento. Trátase de Antonio Rodríguez Otero, que a Benemérita coñecía por «alias Juan Quinto», natural do Araño. Revisados os libros bautismais, aparece bautizado nesa parroquia o 8 de xuño de 1847, e era fillo de Manuel Rodríguez (do lugar da Devesa-Asados) e de Rosa Otero (do Araño).

As súas peculiaridades foron publicadas na prensa: «Estatura alta y de buena construcción, barba poblada pero afeitada, cara larga color trigueño, pelo y ojos negros, edad de unos 25 años, viste pantalón negro, de tarazona, chaqueta ídem, también chambra, sombrero hongo negro y faja encarnada».

Desde moi novo dedicouse a cometer diversos roubos, como fariña nos muíños do lugar, algún que outro porco disposto no salgadoiro, e, ao menos, un crime na terras de Rianxo. A intranquilidade da veciñanza foi en aumento polos atracos nas reitorais e aos tratantes do gando nas feiras, realizados con brutalidade. Con frecuencia estaban con el o seu irmán menor Ramón e, ocasionalmente, xuntábase con eles un tal Barreiro, da parte de Ames, e outros membros de menor relevancia. Cos seus correspondentes cómplices e contactos, configuraba o sólido tramado, necesario para darlle consistencia á banda e seren capaces de burlar a propia xustiza.

Rematou mal

A vida de Antonio Rodríguez Otero tiña que rematar mal, e así foi. Hai dúbidas ao respecto do lugar onde aconteceu a súa morte a consecuencia dunha coitelada que recibira, segundo algunhas informacións, nunha loita en Portugal. A versión máis verosímil é a que indica que lle deron unha malleira de golpes con fungueiros nas terras de Valga, por parte duns homes de Cordeiro e, desde alí, xa moribundo, deu chegado, ou trouxérono agachado, á súa casa do Araño.

Foi enterrado xunto a un muro dunha leira preto da súa casa. A morte non aparece reflectida nos libros parroquiais de Santa Baia do Araño.