A recente publicación de Diorama na prestixiosa colección Dombate abre novos vieiros na traxectoria literaria de José Carou Rey
25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A recente publicación do poemario Diorama (2022) na prestixiosa colección Dombate abre novos vieiros na traxectoria literaria de José Carou Rey (Rianxo, 1969), profesor de filosofía que xa editara o ano anterior o poemario Hemisferio auga. Máis abundantes son as súas entregas narrativas, que inclúen obras como Desvelando a Ademar Escambia, coa que gañou o Premio Avilés de Taramancos en 2019, ou o relato Afán e infortunio dos días estragados (2018), aínda que xa en 1997 fora premiado no Lueiro Rey por O bebedizo da lúa.
Crítico cinematográfico en Sermos Galiza, Diario de Arousa e Cinemadicción, colabora tamén neste suplemento, A Voz de Barbantia. En 1996 recibiu o Premio Francisco Fernández del Riego, en 1999 o Faustino Rey Romero e no 2000 o Premio Viadutos. Un labor literario que abrangue máis de 25 anos, e mesmo conta no seu currículo cunha obra inclasificable, Relatos da incorrección (2021). Un camiño na literatura que se foi depurando e voltando máis complexo dende 1997.
O poemario Diorama consta de seis partes, e nel conviven a homenaxe ao cinema coas pegadas íntimas e co amor. O volume vai acompañado de ilustracións de Salvador Laíño, lonxe de modas, pero con acertado resultado artístico. Carou Rey reivindica a realidade, a vida dende un relato poético coherente e unitario que permite un mundo propio.