Adeus a Carlos o da Gran Parada, o home que percorreu Galicia co trombón a costas

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

RIANXO

Imaxe de arquivo de Carlos Iglesias na horta da súa casa.
Imaxe de arquivo de Carlos Iglesias na horta da súa casa. SIMÓN BALVÍS

Carlos Iglesias Franco, un dos precursores da histórica orquestra, faleceu aos 87 anos

21 mar 2023 . Actualizado a las 17:55 h.

O bisavó Perfecto era un gran músico, e unha persoa de tal carisma que ata había en Rianxo un dito que facía referencia a el: «Perfecto só hai un, e é de Asados». Era xenio e figura, e tivo no seu fillo Carlos un digno sucesor. De tal pau, tal acha, e Carlos Iglesias Franco (Asados, 1935) herdou as calidades para a música, a boa planta e a gracia natural. «Tocaba unha trompeta que tiña máis estaño que unha mina, os instrumentos daquela eran moi malos», contaba con sorna rememorando os seus inicios como músico. Empezou na banda, co seu pai, pero non tardou en marcar o seu propio camiño no mundo das orquestras, ata que chegou o gran proxecto da súa vida profesional: a Gran Parada.

O tío Carlos faleceu este domingo e marchou coa música a outra parte, pero durante décadas levou a súa arte por toda Galicia, e incluso Asturias, León, algúns puntos do País Vasco e Portugal. De pobo en pobo, de festa en festa, percorreu incontables quilómetros coa trompeta ou o trombón a costas, animando verbenas e sesións vermú, poñendo a bailar ao persoal, montando e desmontando palcos e dirixindo unha das orquestras máis importantes do panorama galego. Durante arredor de tres décadas foi o director da histórica Gran Parada, que naceu en Taragoña hai máis de 60 anos, tralo cisma na Gran Peña.

Recoñecía que foi unha vida dura, pero a pesar de todo, das longas viaxes, das noites sen durmir, das xornadas lonxe da familia... despois de retirarse dicía que botaba de menos ese traxín. É o que pasa cando se leva a música nas veas e se dedicou toda unha vida a un proxecto coma o da Gran Parada. Non foi o único. Tamén impulsou outra formación que chegou a ter bastante sona, Xente Nova, formada por unha nova xeración de músicos, unha idea que tivo gran éxito. «Musicalmente non, pero para o comercio sempre tiven vista», chanceaba el, que estudou música dende ben pequeno mostrando unhas grandes cualidades.

Na casa familiar de Asados seguía sendo Carlitos. Era o irmá pequeno da avoa, así que por moito que tivera xa ben cumpridos os 80, seguía a ser Carlitos. O tío un pouco despistado, de mirada clara, pel morena e que sempre se mostraba de bo humor; o tío con pinta de galán de cine do que se contaban centos de anécdotas da vida na orquestra, ou de cando ía ata o Campo Lameiro -onde naceu a súa nai- en bicicleta. O artista da familia.

Agora, o telón baixou definitivamente para el. Os últimos tempos foron complicados polos problemas de saúde, pero os que chegaron a velo enriba do escenario sempre o recordarán aí, trombón en ristre levando o compás da música.