
A Cuca, a viaxeira, a camiñante incansable mentres aguantaron as pernas, a lectora empedernida e de vista envexable
03 feb 2023 . Actualizado a las 19:18 h.Alá vai Carmela, dixo mamá cando entrou pola porta. Alá van todas as nais, dixo a madriña cando lle fun dicir que morrera a avoa. Alá te nos fuches, Cuca. Aínda quedan nais, pero quedamos sen matriarcas e sentímonos un pouco máis orfos porque contigo perdemos o último fío que nos mantiña unidos ao noso pasado, contigo vaise un cacho da historia familiar. É lei de vida, din, pero non nos gusta dicirche adeus, aínda que sexamos capaces de despedirnos de ti rindo, que seguro que che gustaría.
Rimos e seguiremos facéndoo recordando aquela comida na que a alguén se lle ocorreu facer queimada e acabastes todos moi animados e decididos a ir á Luna a botar uns bailes; ou aquela vez que tomaches as pastillas de durmir antes da hora e logo andabas descalza e a medio espir pola casa; ou a túa teima de que todo o que entrara pola porta tomara un café, a ver se así tamén che facían un a ti; ou as interminables historias das túas incontables viaxes a Portugal. Eles non o saberán, pero os do país veciño perderon contigo unha das súas máis grandes embaixadoras, se o souberan nomearíanche filla adoptiva ou algo.
Recordaremos as túas empanadas; as túas pataquiñas guisadas que con tanta paciencia espelicabas; o teu pelazo gris; as túas queixas perpetuas porque desde que teño uso de razón sempre che doeu algo, pero ata aquí chegaches, rexa, a pesar dos males físicos e dos outros, que son os peores.
A Cuca, a viaxeira, a camiñante incansable mentres aguantaron as pernas, a que organizaba as viaxes á televisión para asistir aos programas de máis éxito da TVG, a lectora empedernida e de vista envexable que pasaba o día repasando o xornal de adiante atrás unha e outra vez. «Hoxe non traballastes nada que no periódico non vén nada que escribiras ti», dicíasme cando te ía visitar.
Hoxe tampouco traballo avoa, pero si que escribo, para despedirnos de ti, para dicirche canto te queremos e te imos botar de menos. E que che gustará saber que ningunha das túas netas puxo o abrigo encarnado hoxe, podes estar tranquila, mañá é outro día, pero hoxe imos como é debido, como a ti che gustaría. A saia é un pouco longa, si, síntoo, pero dadas as circunstancias mellor iso ca unha moi curta.
Dálle bicos ao avó e ao tío da nosa parte. Abur Cuca.