Artista naíf afincada en Rianxo

EME CARTEA

RIANXO

cedida

Karin Kuijper, muller holandesa que botou raíces entre nós, acaba de expor a súa obra máis recente, Emocións 22

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabemos que a arte naíf non é un xénero artístico homoxéneo. Máis ben un movemento descosido polas marxes con moitas e variadas caras que conforma un estilo moi ben representado pola artista Karin Kuijper, muller holandesa que botou raíces entre nós e acaba de expor a súa obra máis recente no auditorio de Rianxo co título Emocións 22.

De que estamos a falar cando falamos de arte naíf? Pois dunha variada corrente artística que busca a sinxeleza, a candidez, a naturalidade, a definición dos contornos, e unha evidente estilización de corte folclórico-popular propia das artes primitivas. Amais dunha forte vivacidade de cores, contrastadas e non naturais (crea sensación volumétrica), fai un uso escaso e libre da perspectiva científica renacentista, e o cultivo do detalle confírelle ao cadro gran forza expresiva, máis alá da maior ou menor corrección do debuxo.

A/o artista naíf adoita ser esencialmente autodidacta e pintar polo pracer de pintar; e disto Kuijper é o mellor exemplo. A falta de formación académica confírelle á obra unha xenuína sinceridade, que a libera de artificios académicos e convencionalismos herdados. E a espontaneidade do trazo, non reflexivo nin transcendente, fai que estas pezas se embeban de alegría e serenidade, ata o punto de seren definidas en ocasións como as verdadeiras formas artísticas dotadas de pureza e integridade. Non nos fai, acaso, pensar na inxenuidade dos debuxos infantís? Ou mesmo nesas composicións irracionais, misteriosas, distópicas, ambiguas e absurdas, onde a liberdade creativa, a descontextualización, o desequilibrio compositivo e temático, a fantasía e os soños determinan o discurso plástico?

Herdanza

Karin Kuijper herda este xeito de pintar, inda que lle imprima un selo moi persoal, canto a técnicas, tempos e motivos. O seu máis ilustre antecesor, Henri Rousseau (o Aduaneiro), a finais do século XIX, escandaliza a burguesía ben pensante co seu neorrealismo naíf, e crea seguidores do talle de Grandma Moses ou Alfred Wallis, e egrexios adeptos como Picasso, Kandinsky, Miró ou Magritte.

En 1908, xa o Aduaneiro lle deixa caer a Picasso: «Somos os dous mellores pintores actuais, ti no xénero exipcio, eu no moderno», o que finalmente non resultaría unha boutade. E logo a proverbial sentencia picassiana: «Levoume catro anos pintar coma Rafael, pero botei toda a vida para pintar coma un neno». Velaí o quid da arte naíf: expresión coa frescura e o lirismo infantil.

Canto aos temas, Kuijper pinta o que vai vendo ao longo do camiño. Calquera cousa que se significa na súa contorna pode devir motivo pictórico. Eliximos, entre as súas estampas, esta visión frontal da procesión marítima guadalupeña, que se axusta ás características xerais arriba enunciadas para o estilo, inda que nunha narrativa libre e simbiótica, como ese bandoneón en lugar de gaita, ou a vestimenta tradicional con elementos foráneos, e posiblemente inventados.