«República Sideral», última obra de teatro de Airiños: humor de altura para volver ás táboas

Christopher Rodríguez
Christopher Rodríguez LA VOZ / RIBEIRA

RIANXO

O grupo Airiños volveu aos escenarios no auditorio Arcos Moldes de Rianxo.
O grupo Airiños volveu aos escenarios no auditorio Arcos Moldes de Rianxo. CARMELA QUEIJEIRO

O grupo regresou aos escenarios cunha farsa sobre a independencia da illa de Arousa

29 sep 2022 . Actualizado a las 14:59 h.

As pezas artísticas que traen de volta feitos pasados están á orde do día. Rememorar acontecementos históricos é algo que atrae ao público, que ten ansias de coñecer e de ver outra perspectiva do sucedido.

Esta é a base de República Sideral, a última obra da histórica compañía Airiños, que regresou as táboas con esta farsa sobre a independencia da illa de Arousa. O texto, escrita por Esther Carrodeguas (Rianxo, 1979), foi galardoada no ano 2020 co premio Barriga Verde a mellor texto de teatro de monicreques para adultos.

A pasada fin de semana, en Rianxo, o grupo  recuperou a súa actividade para representar por primeira vez esta obra, con intérpretes de carne e óso actuando de tla forma que semellan ser marionetas, baixo a dirección da rianxeira Amantia Coello.

Carrodeguas escribiu a comedia durante o confinamento e, a pesares de que trata dun tema histórico, asegurou que se reflicten diversos paralelismos políticos con situacións semellantes da actualidade: «Pareceume unha historia rocambolesca que daba moito xogo para representala con monicreques. Era un tipo de teatro que nunca cultivara. Nada máis comezala, xa descubrín personaxes moi caricaturescos».

Ademais, a dramaturga mencionou que a peza a pesares de estar pensada como un espectáculo de marionetas, non só está destinada ao público infantil, senón que os adultos poden entender a historia dende un punto de vista máis complexo.

«Miña idea era que o texto tivese unha dobre lectura. Os rapaces poden ver a clásica farsa de cachaporra, mentres que os maiores, perciben algo sabendo que foi real. Moita xente non coñece os detalles da Guerra Civil, e con este espectáculo queremos facilitar un diálogo entre xeracións acerca dun episodio tan relevante da nosa historia».

Gran acollida

O auditorio Arcos Moldes de Rianxo foi testemuña dunha actuación que non deixou ao público indiferente. Segundo comentou a autora, a obra tivo unha gran acollida nunha estrea moi especial tanto para a compañía como para ela, debido a terse producido ante os veciños da súa vila: «Os asistentes recibiron a peza con ilusión. Foi un día moi emocionante para todos. Un nunca sabe cal vai ser a resposta do espectador e, con algo destas características, incluso podes ferir sensibilidades, pero, neste caso, resultou inmellorable».

Carrodeguas comentou que República Sideral é unha proposta moi arriscada, baseada principalmente nun humor elevado a través de parodias de personaxes históricos que protagonizaron eses tempos tan convulsos: «Trátase dunha comedia bastante tola. Aparecen caricaturizadas figuras como as de Mola ou Franco. Foi difícil adecuar a actores reais unha función que nun principio estaba pensada para monicreques e estamos máis que satisfeitos polo resultado».

Tras o debut en Rianxo da nova obra teatral, a compañía Airiño e Esther Carrodeguas teñen previsto mostrar o espectáculo en distintos escenarios de Galicia e, incluso, en Portugal: «Estaremos presentes o vindeiro 7 de outubro en Madeira, grazas a un proxecto de intercambio que o grupo teatral ten no país luso. Por outra banda, tamén levaremos a peza ao lugar no que ocorren seus feitos, a illa de Arousa».

Con República Sideral, o grupo de teatro Airiños volveu a subirse as táboas, nun traballo tan arriscado como revolucionario para Esther Carrodeguas, que durante dez anos foi a directora da compañía afeccionada máis antiga de toda Galicia.

Guerra Civil, conflitos políticos de actualidade, sátira e espectáculo para os máis cativos a partes iguais, nunha comedia de marionetas humanas na que todo está moi vivo.

Vindeiras datas.

Rianxo non será o único concello de Barbanza no que estará presente Airiños con República Sideral. Está previsto que a compañía interprete a obra en Palmeira, o vindeiro 26 de novembro, e en A Pobra do Caramiñal, o 22 de xaneiro do 2023, completando así a súa xira por Galicia.