Rianxo repara a memoria das súas mulleres galeguistas

Marta Gómez Regenjo
M. GÓMEZ RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

A parroquia de Asados concentraba a maior cifra de militantes

24 sep 2022 . Actualizado a las 19:10 h.

Houbo un tempo no que a parroquia de Asados foi a capital galeguista do municipio de Rianxo, e foi tamén un referente do feminismo porque nas filas do Partido Galeguista, que contaba con 150 militantes, figuraban nada menos que 27 mulleres. Elas foron as protagonistas dunha homenaxe de recoñecemento e reparación no marco do Seminario sobre a memoria que se desenvolve esta fin de semana entre Rianxo e Boiro.

Nun acto público na praza de Manuel Antonio, ás portas da que fora a sede do Partido Galeguista de Asados, recuperouse a memoria dos tempos da república nas voces de Xesús Santos e de Aurora Marco, que como experta no papel das mulleres no movemento galeguista non podía deixar de acudir á cita. Recitáronse un por un os nomes de todas as militantes acompañados de rosas.

Tralo emotivo acto, Santos e Xoán Hermida guiaron un roteiro polos lugares da parroquia relacionados coa represión.