Rianxo e Boiro alíanse na doceava edición do Seminario sobre a Memoria

La Voz

RIANXO

marcos creo

O programa inclúe unha homenaxe ás 27 mulleres do Partido Galeguista de Asados

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova Escola Galega, Memoria Histórica da Barbanza e os Concellos de Boiro e Rianxo promoven a doceava edición do Seminario sobre a Memoria, un conxunto de actividades que arrancan hoxe e se prolongarán ata o domingo. O obxectivo das xornadas é posibilitar un mellor coñecemento do pasado máis recente.

O seminario inaugúrase esta tarde no IES Félix Muriel rianxeiro. Nesta primeira xornada están previstas as intervencións de Paco Veiga, que falará do investigador e activista Carlos Parrado; Pilar Sampedro, que fará un percorrido sobre a memoria histórica a través do libro infantil e xuvenil; e Lola Ferreiro, que analizará a represión que viviron as mulleres durante o franquismo.

Aurora Marco será a encargada de abrir o programa de mañá (Félix Muriel, 10.00 horas), ofrecendo unha conferencia sobre a presenza das mulleres no movemento galeguista. Trala súa intervención, os asistentes desprazaranse ata a praza Manuel Antonio de Asados, onde se realizará unha homenaxe ás 27 mulleres do Partido Galeguista da localidade.

No acto intervirán o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; representantes da Memoria Histórica da Barbanza; Xesús Santos Suárez e Aurora Marco. Tamén se contará cunha intervención musical a cargo de Xosé Luís do Pico Orjais.

Pola tarde, as propostas continuarán no auditorio rianxeiro, onde Xesús Santos e Xoán Hermida presentarán os resultados dun traballo realizado sobre os lugares de Asados relacionados coa represión. Para as 19.00 horas está programada a presentación do libro Caminos de resistencia, de Francisco Martínez López, O Quico. O autor estará acompañado porlo mestre e escritor Xosé Ricardo Losada, o xornalista e activista pola memoria Fernando Salgado e o rexedor local.

O pazo boirense de Goiáns será o domingo escenario da última xornada do seminario. Alí, a profesora Cristina López Villar disertará sobre o control das mulleres a través do deporte durante a ditadura. O colofón chegará da man de Xosé Deira Triñanes e Xoán Hermida, que farán un percorrido polos lugares da memoria histórica de Boiro.