Sons, ilustracións e literatura mestúranse no festival Noites de Jazz de Rianxo

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Marian Ledesma y Tinaquero Brothers, en una actuación en Fisterra, estarán en Rianxo.
Marian Ledesma y Tinaquero Brothers, en una actuación en Fisterra, estarán en Rianxo. BASILIO BELLO

Sete grupos actuarán ata o sábado na rúa de Abaixo e na praza Rafael Dieste

02 ago 2022 . Actualizado a las 18:30 h.

Rianxo volverá gozar do seu festival Noites de Jazz, que comeza este mércores e prolongarase ata o sábado. Pero, como é habitual, non só haberá música, xa que compartirá o protagonismo cunha exposición e coa literatura. A mostra O Saxo de Miro, con ilustracións de Alfonso Costa, inaugúrase hoxe, ás 19.00 horas, na sala de exposición do centro sociocultural-auditorio de Rianxo e poderá visitarse ata o día 26.

Por outra parte, ás 20.00, na sala Arcos Moldes terá lugar a presentación do libro que leva o mesmo nome da exposición, e que conta con debuxos de Costa e o texto de María Inés Cuadrado López.

No que se refire á música, Big Band da EMR abrirá os concertos este mércores, ás 22.00 horas, na praza Rafael Dieste. Este xoves, no mesmo lugar e á mesma hora, actuará Narci Rodríguez Cuarteto. O venres, Trixieland será o primeiro en saír a escena, ás 20.30, na rúa de Abaixo. Despois, ás dez, na praza Rafael Dieste tocará Blakan Paradise Orchestra.

A xornada do sábado será a que acolla máis actividades, porque xa ás 13.00 horas comezará a música con Tano Domínguez Trío. Tamén na rúa de Abaixo, ás 20.30, ofrecerá un concerto Marian Ledesma & Tinaquero Brothers. O broche chegará a partir das 22.00, na praza Rafael Dieste, con Joseph Siankope and The Silent Entertainers Band.