Morreu Anxos a de Deira, a muller que repartía sorrisos de Rianxo a Compostela

Adelina Ces

RIANXO

CEDIDA

A veciña de Asados recibiu o adeus dos seus seres queridos na capital galega

01 ago 2022 . Actualizado a las 18:34 h.

Finou Anxos García Figueira (Asados, 1960), si, Ánxeles a do California para uns, Ánxeles a de Deira, para outros. Morreu sen queixas e con un sorriso para todos os que a queríamos, un sorriso que ben coñecían os nosos pais, que a viron medrar detrás do mostrador no que tódolos fins de semana se xuntaban a xogar as partidas de dominó ou da brisca; tamén, os moitos picholeiros que baixaban ás mozas nos tempos do baile e da discoteca de Rinlo, e os rapaces da «montaña» cando vendía caramelos nas tabernas das aldeas, no seu Simca 1000, ou no «catro latas», no que temos volto á casa todos os mozos e mozas de Asados.

Era boa e xenerosa con todos e facíase querer por ese bo trato, cordial e atento. Os tempos mudaron e buscou unha vida, como tantos, en Compostela, onde encontrou o amor da súa vida e onde tamén se fixo querer por moitos composteláns, para quen tiña sorrisos a esgalla.

Nesa cidade deixamos hoxe unha muller de bandeira, boa, xenerosa, que sempre estará no noso corazón e sei que no de moitos máis. Sempre con nós.

Esa xenerosidade acompañouna incluso na súa despedida, na que, nunha emotiva esquela, a súa familia quixo lembrarse, non só das amizades «que sempre estiveron ó noso carón, nas boas, nas malas e nas peores», senón tamén dos que a trataron nos peores momentos: «Agradecemos os coidados e atención que recibiu dos e das profesionais da sanidade pública galega, que deron sempre o mellor de cada quen día tras día, no noso favor».

«Fomos ficando sós

o Mar o barco e mais nós».