Rianxo convértese na capital das letras

RIANXO

cedida

Serán uns corenta os escritores que presenten ou asinen os seus últimos volumes

20 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre este venres e o luns, Rianxo volverá a ser a capital barbancesa das letras. Ocorrerá con motivo dunha nova edición da Feira do Libro. Constituirán o epicentro os postos que instalarán as librarías Cortizas, Pedreira, A Gata Tola, Ben, Cándido e Nobel, que aplicarán descontos do 10 % nos seus produtos. Ao seu redor desenvolveranse diversas propostas lúdicas.

A visita dun feixe de escritores, que chegarán dispostos a presentar os seus últimos libros e a asinar exemplares, é un dos pratos fortes da cita. Na primeira xornada achegaranse a Rianxo os autores Alba López Paredes, Eduard Velasco, María Rey, Marisa Vidal Collazo, Manu Sobral, Manu Iglesias Turnes, Rodrigo Costoya e Amancio Losada Vicente. A feira arrancará ás 13.00 horas, da man de Suso de Toro, que ofrecerá o pregón, e do grupo musical Ferre & Susavila Jazz Casual.

Na apertura tamén se sumará á cita literaria o Mago Antón, que ofrecerá varios pases do seu espectáculo Mil maxias máis.

As plumas que tomarán o relevo o sábado son Miguel Anxo Seixas, Adrián Morgade, Xesús Rábade Paredes, Cruz Martínez, Henrique Monteagudo, Xavier Queipo, Rosalía Bermúdez, Xosé Ricardo Losada, Amancio Liñares, Antía Yáñez, César Cequeliños e Jorge Campos.

A maiores, os cativos terán ocasión de descubrir ao Beatles da man de Little Neno e o peche correrá a cargo de Xisco Feijoo, que desembarcará co espectáculo Peixe.

O domingo, da parte literaria encargaranse Finy Sesmonde, Roberto L. Cagiao, Fon, Xosé Ramón Brea Rei, Beatriz Pin, Paula Cascallar, Carlos Callón e Andrea F. Maneiro. Mentres, a cara lúdica da Feira do Libro rianxeira chegará da man de Paco Nogueiras, que fará bailar ao máis pequenos con Extra!, e Son of Exodus, grupo musical que ofrecerá un seu traballo Castrexos.

Para a xornada de clausura, a do luns, reserváronse as visitas dos autores Juan Prieto, Kiko da Silva, Xosé Manuel Lobato, María Ovelar, Octavio Beares, Anxo Muíños, Elia Gómez, Juan Besada, Adrián Gómez Ramos e Óscar Reboiras Loureiro.

O colofón lúdico chegará con Pakolas e o seu repertorio musical Ramona Órbita.