Os pobres

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIANXO

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No episodio que a web serie Aquí medra a lingua, producida polo Consello da Cultura Galega e dirixida por Cristina de la Torre, dedica ao IES Félix Muriel de Rianxo, hai unha escena que é sorprendente e marabillosa. Poden vela vostedes mesmos en consellodacultura.gal.

Tres adolescentes de Rianxo, sentados nun banco fronte o mar. Rinse e falan da súa relación coa lingua. Un di: «O que máis me chocou foi cando fomos a outros coles e iamos como unha exposición de nenos que saben falar galego». «Uns tíos raros», acouta unha rapaza entre risos. «Era un experimento piloto de que se pode falar galego no instituto. E si que notabas que os pobres non se desenvolvían como o facías ti en galego». «Os pobres!», completa unha compañeira. E botaban todos a rir.

Desde que vin por primeira vez a escena lévolle dando voltas na cabeza, por moitos motivos, e todos eles xuntos ao tempo. En primeiro lugar, pola alegría. E o segundo, polo drama. A alegría é a capacidade de falar da túa lingua, e do que representa, entre risos e sen medo nin complexos. O drama, porque a historia que se conta é dramática: estes rapaces de Rianxo galegofalantes son unha excepción. É tan pouco habitual poder ver mesturadas estas dúas realidades —orgullo e drama— cando se fala da lingua!

Sobre o galego entrouse nos últimos anos nun círculo vicioso de acentuar o dramatismo, no convencemento de que á vítima sempre se lle dá a razón, cando menos en forma de mágoa. Eses rapaces ofrécennos unha lección. Tomemos nota dela.