Conmemoracións e lembranzas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

RIANXO

MABEL RODRÍGUEZ

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que me coñecen saben que estou máis pola conmemoración dos nacementos que polas defuncións, como cando celebramos a presentación dun libro, a apertura dunha exposición, a inauguración dunha empresa ou calquera outro proxecto ilusionante. O 29 de xaneiro de 1886 nacía na vila de Rianxo a figura máis significativa e referencial do galeguismo: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que finaría no exilio arxentino o 7 de xaneiro de 1950. E aquí estamos nós, os seus netos e bisnetos, para lembralo, oxalá puidésemos dicir que para continualo.

A Real Academia Galega agasalla este ano a memoria de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), que en 1986 publicou un libro de poemas especialmente dirixido a quen consideraba o seu mestre, compañeiro no Partido Galeguista: O soño do guieiro (Ediciós do Castro). Un canto á memoria do de Rianxo cunha pregunta esencial: que foi daquela ilusión que un día soñamos? Un libro no que o de Valdeorras reúne, ademais, unha parte importante da súa poesía social, política, mesmo satírica, concibida en anos diferentes, ás veces na liña do Cancioneiro da loita galega, que el mesmo promovera en 1943 . Tal como conta Ricardo Gurriarán na biografía do poeta, o libro recolle composicións de distintas etapas, distintos momentos históricos, entre eles os acontecementos tráxicos da Guerra Civil. Iniciou os contactos para a súa publicación en 1981, quería velo impreso antes de morrer. Non o logrou ata 1986, logo de xestións diversas que o biógrafo narra documentadamente. A idea do autor era presentalo en Galicia, acaso no congreso que se programaba por aquelas datas arredor da figura de Castelao (o guieiro), mais non foi posible. Delgado Gurriarán finou nun hospital de Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, na compaña das súas fillas, logo de non poder superar un infarto de miocardio. Xa lle dera un en Madrid, cando a segunda visita a Galicia, en 1977. No 79 escribíralle ao seu amigo Pepe Gayoso dicíndolle que «eu quixera xacer na debesa de Córgomo», a aldea de Vilamartín de Valdeorras onde naceu e onde, se as cousas no se torcen, celebraremos este ano o Día Grande das Letras.

Na Fundación Penzol e mais na documentación persoal do seu principal biógrafo consérvanse cartas entre Delgado Gurriarán e outros galeguistas de dentro e fóra do país. Parécennos especialmente interesantes as xestións que dende Francia e dende Barcelona se realizaban, coa intermediación de Luís Soto e Castelao, e mais a Solidariedade Galega Antifeixista (1939), para a evacuación de refuxiados republicanos a México, acollidos á xenerosidade do presidente Lázaro Cárdenas. Eran os «Barcos da Liberdade»: o primeiro deles o Sinaia, despois o Ipanema (no que entre outros ía o propio Florencio), máis tarde o Mexique, o Flandra, o Champlain, que naufragou fronte as costas de Marsella tocado por un torpedo, outros din que a causa dunha mina…