Barbantia, Castelao e as oito semanas que dan para unha novela de Xocas

RIANXO

O movemento cultural barbancés pechou un intenso mes dedicado ao pai do galeguismo sen esquecer os cen anos do nacemento do crego e poeta Faustino Rey Romero e tocando todas as artes

29 ene 2022 . Actualizado a las 20:36 h.

Xaneiro é mes fetiche en Rianxo e, polo tanto, en Barbanza. Como se sabe, Castelao naceu e morreu nel, motivo polo que con cada ano novo ábrense na vila as xornadas dedicadas ao pai do galeguismo nas que caben todas as artes, pero tamén outros autores significativos para o propio Rianxo, ou alleos, pero que teñen moito que contar e achegar á cultura barbancesa, e con ese obxectivo interveñen nas xornadas da man o Concello de Rianxo e a Asociación Cultural Barbantia, entidade que acostuma exercicio no berce de Castelo, coa asemblea xeral de socios e a primeira presentación anual de cada último venres de mes.

E desta volta, no Auditorio Municipal de Rianxo xuntáronse literatura, música e pintura con Castelao como pano primeiro e de fondo, pero coa cultura como argumento principal. A música, seis pezas para abrir e pechar o acto, correu a cargo dos clarinetes de María Varela e Sara García, da escola de música local; a pintura, por conta de Pepe Miguéns, que, como dixo, dialogou con Castelao a través das artes plásticas, facendo en gravado unha imaxe icónica en negro do creador de Cousas que trasladou a un lenzo branco, para plasmalo a color, aínda que non lle deu tempo a rematala obra; mentres que e a literatura correu por conta do profesor universitario e senador Xaquín Fernández Leiceaga, Xocas, que presentou o seu novo libro Baixo as alas de abril.

Axudado polas preguntas formuladas pola vicepresidenta de Barbantia, María Xesús Blanco; o directivo e expresidente Xesús Laíño, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, o autor foi explicando aspectos da obra, que encadra no xénero de novela policial, nun espazo físico principalmente situado en Compostela e na súa contorna, pero tamén na Coruña e incluso Barbanza. Desvinculou a trama da política, aínda que xurde dun feito político, e situouna nun período de oito semanas e nun ano, o 1989, contextualizado coa caída do muro de Berlín, as conversas de Argel para rematar coa violencia da ETA: «Amosa a sociedade do momento, con intencionalidade», subliñou o autor.

Xocas precisou que a novela fai un chisco á sanidade, no que o autor quere ver a influencia que, na súa elaboración, tivo o confinamento pola pandemia, xa que foi durante ese período encerrado na casa cando a escribiu, e deste xeito fai unha certa homenaxe ao colectivo clave ao longo da crise do covid: «A novela parte dunha realidade, pero trufada de invención, é algo verosímil», apuntou o autor, quen asegurou que as personaxes non están baseadas en ningunha persoa real.

A preguntas dos interlocutores, Leiceaga confesou que deu o salto á literatura porque el xa era usuario da literatura desde sempre: «Un día decidín pasar ao outro lado dos libros, ao do autor, e así foi como empecei, primeiro, como un reto persoal, e acostumeime pronto á experiencia de escribir». E aquí o autor sinalou que nunca estivera nunha presentación tan divertida como a que estaba a vivir en Rianxo, rodeado de arte musical e de pintura.

Por último, Xocas adiantou que a novela non vai ter continuidade, que para facer a trama policial documentouse a través de Internet e que vai sacar outra obra proximamente.

Pechou o acto o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, quen agradeceu o apoio de Barbantia para desenvolver os actos Castelao e convidou aos presentes a acudir á ofrenda floral do día seguinte e á presentación do facsímile de Escolanía de melros, de Faustino Rey Romerro, do que se celebrou no seu tamén Rianxo natal os cen anos do seu nacemento e os 50 do seu falecemento.

Na publicación colaboraron o Concello de Rianxo e o Museo do Gravado de Artes. O volume está luxosamente editado e cada unha das poesías que compoñen a obra está acompañada dunha ilustración.

O reparto de poemas e ilustradores é o seguinte: O melro, cun debuxo de Pepa Martínez; O melro novo, Noel Pérez; O melro canta porque si, Manuela Pimentel; Melros no solpor de Finisterre, Lorerna Pelegrina; O melro morto, Camilo Seira; O melro larpeiro, Alexandre Dasilva; O melro cantando nunha tarde de choiva, Enrique Delrío; Chilro, Joy Menis; O melro, gorxa de Deus, Isabel Otero; O melro que lle cantou a eternidá a San Ero de Armenteira, Susana Fernández; Música á deriva, Ana Isabel Piñeiro; Outono sen melro, Enrique Delrío; Melro na tarde, Luís Vicente; O melro érguenos da Angustia, Luis Vicente Batalla; Melro gaiteiro, Camilo Seira; O melro cantando nunha serán de choiva, Ana Isabel Piñeiro; O primeiro melro que Adán escoitoui no paradiso, Pepe Míguez; O melro alédanos a tristura, Ana Isabel Piñeiro; e Brindis, Isabel Tubío.