O lanzamento de O cronista imposible tivo lugar hai un par de anos, pero a súa divulgación sufriu as consecuencias da irrupción da pandemia. Estaba previsto que a obra fora presentada en Rianxo en marzo do 2020, pero a cita foise adiando por mor do covid ata hoxe. Ás 20.30 horas, no auditorio rianxeiro, esta nova pluma estará arroupada por José Villanueva Rey, xornalista e crítico de cinema, e polo rexedor local, Adolfo Muíños.
Aínda que podería dicirse que o primeiro libro de Óscar Reboiras xurdiu froito da casualidade, despois de que a súa tese doutoral espertara o interese da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, serviu para que o rianxeiro collera impulso no eido literario. Desvela que xa ten case rematado un libro totalmente diferente, unha novela negra que espera lanzar este ano. Para este segundo proxecto aliouse con outra pluma de Barbanza, Antón Riveiro Coello, pois a historia xurdiu nun obradoiro de escritura que el impartiu.