Ana Pontón retou a PSOE e Podemos a derrogar a reforma laboral do PP durante a homenaxe a Castelao en Rianxo

RIANXO

A voceira nacional ratificou que a súa formación é a alternativa «real de cambio en Galicia»

15 ene 2022 . Actualizado a las 17:03 h.

O BNG amosou músculo na cuna do nacionalismo galego, no acto celebrado en Rianxo con motivo do pasamento de Castelao, acontecido no exilio en Bos Aires en 1950. Nun concurrido acto, Ana Pontón retou a PSOE e Podemos a derogar a reforma laboral do PP. Afirmou que o BNG non se vai presentar a unha maquillaxe da reforma do PP e instou a ambos partidos a cumprir os compromisos de principios de gobernoTampouco faltaron as alusións da voceira  nacional do BNG a aspectos esenciais como o sanitario. Manifestou que se está a dar un desmantelamento da sanidade pública que, baixo o seu punto de vista, roza a prevaricación, en beneficio da privada. 

No emblemático paseo da Ribeira, xunto ao busto do ilustre rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ana Pontón asegurou que o seu é un partido forte e coas ideas claras. A voceira sentenciou que «somos a alternativa real de cambio en Galiza, que aposta por un tempo novo liderando o goberno coas mans libres porque non nos debemos a ningunha formación estatal ou corporación».

A cita de Rianxo supón a lembranza da vixencia do pensamento político do ilustre nacionalista, no que o BNG pon de manifesto a vixencia da súa obra «sempre fructífera para o conxunto do nacionalismo galego». Un nutrido grupo de veciños, simpatizantes e militantes se deron cita nun acto ao que asistieron representantes políticos do BNG de diversos puntos, co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, á cabeza. 

Ademais dos postulados postos de manifesto pola dirixente nacionalista, en clave local recoñeceu publicamente o labor feito por Adelina Ces, que acaba de renunciar á concellería que ocupou durante 19 anos, do mesmo xeito que xa fixera o seu antecesor na quenda de intervencións, o alcalde, Adolfo Muíños, que foi secundado cun aplauso xeral. E tamén, ámbolos dous líderes, tiveron palabras de apoio á plataforma a favor da creación dun centro de día, que despregou pancartas nun acto no que predominaban bandeiras nacionalista e caraveis vermellos. Ana Pontón comprometeuse a pelexar por un servizo que cualificou de esencial para os nosos maiores.

A responsable local do BNG, Mercedes Pimentel, abriu as intervencións cunha anécdota, cando súa avoa, curmán de Castelao, nunha ocasión lle preguntou ao ilustre rianxeiro a onde ía, e este respondeulle que ía á carpintería da ribeira para ver se encontraba unha lixa para «lixar un pouco o cu aos de Madrid». Baseándose nesta pasaxe, dirixiuse ao deputado nacional Néstor Rego para dicirlle que hai moitas carpinterías no país para lixar moitos cus ao centralismo.

Contra o centralismo

Indirectamente coincidiu o relato de Pimentel cunha das reivindicacións máis enérxicas de Ana Pontón a favor de rematar co centralismo madrileño que se leva a riqueza dos montes e ríos de Galicia convertida en electricidade e que devolve a prezos inaccesibles para moitas familias.

Tanto Pimentel como Adolfo Muíños e a propia Ana Pontón recoñeceron, así mesmo, a Virxinia Pereira, cónxuxe de Castelao, como símbolo das mulleres que tiveron un papel moi activo no galeguismo e foron silenciadas ata que autoras como Aurora Marco ou Montse Fajardo as sacaron á luz en recentes publicacións. E tamén valeu de exemplo para reivindicar un BNG feminista e de aposta pola igualdade nun sector estratéxico para Galicia como o da conserva, expresando Pontón o apoio da formación á loita polo novo convenio colectivo.

Adolfo Muíños lembrou que recentemente celebraron en Pontevedra o 90 aniversario do Partido Galeguista, que cualificou de semente que agromou en todo o país «especialmente en Rianxo, onde chegamos a ter 266 afiliacións, moitas delas mulleres». Coincide que tamén se cumpren 90 anos da chegada de Castelao a Rianxo convertido en deputado, onde nunha intervención pública proclamou a necesidade de defender a Galicia «fronte aos que se opoñen ao que a beneficia, unha terra que non mendiga e que esixe os seus dereitos, e defende a súa lingua, porque como dicía, se somos galegos é grazas á nosa lingua».

Vixencia de postulados

Muíños proclamou a vixencia dos postulados de Castelao, do que tamén se fixo eco Ana Pontón, e reivindicou o labor dos concellos que «somos altofalantes dunha veciñanza que quere unha sanidade pública con recursos, sen recortes, especialmente nestes anos de pandemia, onde son os profesionais os que están a soster o sistema». O rexedor instou así mesmo que cheguen os fondos aos concellos «para atender e ampliar o sistema público completo de atención á depedencia», e aquí pediu un apluaso para a platforma en defensa do centro de día. Tamén se referiu á explotación dos recursos naturais para xerar unha enerxía eléctrica que empobrece á poboación e sobre a que pediu un maior control das empresas.

Ana Pontón sinalou que si Castealo estivese no acto sentiría o mesmo orgullo que ela, de ter un goberno nacionalista na súa vila, Rianxo. Xogou un papel fundamental para conseguir o estatuto de Galicia, e loitou pola liberdade dende o exilio, por eso «nós estamos homenaxeando a quen loitou pola democracia e non como outros que homenaxean a ministros franquistas».

A esencia do BNG é defender Galicia, si ben o mundo «é moi diferente ao que viveu Castelao, hai algo que non mudou, a necesidade dun nacionalismo que cada vez ten que ser máis forte. Este país necesita mans libres para defender os nosos intereses, poñer freo a ese centralismo cada vez máis madrileño que é letal para galicia, e un proxecto modernizador e vangardista que pense Galicia en grande. O BNG é a forza que ten ese proxecto e capacidade para poñelo en marcha porque poñemos os intereses dos galegos por diante».