Rianxo rendeulle homenaxe a Faustino Rey Romero, un cura rompedor e incomprendido

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

cedida

Descubreuse unha placa conmemorativa do centenario do escritor na Casa da República

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo do centenario do seu nacemento, Rianxo rendeulle onte homenaxe a Faustino Rey Romero. Despois dun acto relixioso celebrado no cemiterio de Isorna e oficiado polo párroco Francisco Pena, procedeuse á descuberta dunha placa conmemorativa na Casa da República. O historiador Xesús Santos, que fora amigo do escritor, ofreceu un relatorio sobre o cura, cualificándoo de rompedor e incomprendido.

Comezou explicando que lonxe do habitual, a sotana de Faustino Rey non era opaca, senón que deixaba ver os seus pensamentos e as súas ideas. E estas tiñan unha fonda raíz relixiosa, debido á fe que profesaba, pero tamén o convertían nun antisistema: «Vía normal que os curas se namoraran e tamén era un defensor do galego, lingua que empregaba. Chamaba a atención alí onde ía ata o punto de ser incomprendido polos outros curas da contorna».

Xesús Santos enumerou algúns dos logros que se conseguiron coa súa axuda, coma a fundación do Ateneo Ullán, con sede en Catoira; a instauración do desembarco viquingo ou a organización do Pedrón de Ouro. «Veu castigado de Tui, de onde o expulsaron, e foi para nós unha salvación», apuntou.

O historiador explicou que o monolito sobre o que se colocou a placa conmemorativa do centenario de Faustino Rey fora erixido na súa honra no antigo embarcadoiro do Ulla a comezos dos 60, cando o cura marchou para Arxentina. Anos despois foi derrubado e a sociedade Airiños púxoo en pé trala súa morte, no 1972. Logo foi trasladado á Casa da República de Isorna.