A canteira literaria medra en Rianxo co libro «Tecido de voces»

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

A segunda edición do taller impartido por Antón Riveiro Coello culmina coa publicación dunha obra escrita entre 18 autores

04 dic 2021 . Actualizado a las 19:56 h.

Tecido de voces chegará este decembro ás librarías de Barbanza para confirmar dous axiomas. O primeiro, que Rianxo segue sendo un dos epicentros literarios de Galicia; o segundo, que non hai idade nin condición para debutar na escrita, paixón que nin unha sociedade cada vez máis tecnolóxica logra destruír. O papel e o lapis seguen como piares fundamentais do pensamento e da maxia de contar historias e lendas.

Aínda que impartido antes do covid, a segunda edición deste taller literario dirixido polo escritor Antón Riveiro Coello pechouse este venres no auditorio de Rianxo. Fíxoo da man do rexedor local, Adolfo Muíños, que destacou da importancia de crear sinerxías e de apostar desde as institucións pola Cultura. No acto tamén estivo o mestre e membro de Barbantia, que destacou que, como dicía un vello político: «A cultura non dá votos, pero tampouco os quita».

Non faltou Roberto Abuín, editor da obra da man de Toxosoutos. No que insistiron os tres encargados de abrir o acto foi en que os protagonistas son as 18 persoas que crearon un exemplar que recolle múltiples voces, sensibilidades e estilos. Amancio Pampín, Emilio Castro, Francisco Fernández, Francisco Gómez, Laura Veiga, Marcos Gallego, Mari Carmen González, María Arcos, María Consuelo Vázquez, Martina Rivas, Mauro Riveiro, Miguel García, Monserrat Ferreira, Olaia González, Paz Fernández, Uxía Cespón e Álvaro Sevilla foron os encargados de estampar con tinta as conclusións dun taller que mantén a Rianxo como o faro cultural que sempre foi.

Vinte historias, catro delas escritas entre varias mans, son o núcleo de este Tecido de Voces, que a escritora Paz Fernández definiu con mestría, destacando que todos os implicados puxeron o mellor de si mesmos para dotar ao volume dunha forza e personalidade que busca demostrar que a literatura en galego segue máis viva ca nunca. Chegan novas firmas que queren axudar a que ese lume non se apague. E que mellor lugar para facelo que en Rianxo?

O Concello de Rianxo apostará por unha terceira cita

Concello de Rianxo, Deputación da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Editorial Toxosoutos foron as institucións que permitiron dar vida a este taller literario. O rexedor local, Adolfo Muíños, que se mostrou moi contento co resultado final, recoñeceu que se tratará de realizar unha terceira edición. Destacou que están á espera de coñecer a dispoñibilidade de Antón Riveiro Coello para levala a cabo, peza clave nun volume que contou cun nutrido público na súa presentación.