Xosé Ramón Brea Rei, o autor das memorias de Taragoña

laura veiga RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

Este sábado pola tarde presentará o seu novo libro no centro cultural da parroquia

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo comezou co 90 aniversario da creación da escola dos americanos en Rianxo. O centro Rosalía de Castro, actualmente coñecido como a unitaria do Cruceiro, decidiu contar cun dos investigadores e antigos mestres da zona para impartir unha charla informativa. Ese día, Brea comprometeuse a facer unha pequena publicación sobre a súa creación, pero o que ían ser unhas poucas páxinas centradas nesta iniciativa, se converteron en case 470 nas que o autor percorre varios séculos das memorias rianxeiras. Taragoña na historia, como se chama esta obra, presentarase o sábado ás 17.30 horas no centro cultural da parroquia.

—Anteriormente xa fixera algunha investigación sobre a historia de Rianxo. Como comezou?

—Nos anos 80 estiven traballando como mestre no colexio de Taragoña e nesa época todo converxeu un pouco. Tiña un antepasado familiar, Xosé María Brea Segade, que estivera na guerra de África con Rafael Dieste. Isto levoume á revista Charamuscas, a que facían alí no campamento, e ao final cada cousa que aprendía levábame á seguinte. Rianxo dá moito de si e ten un panorama que hai que estudar.

—Xa que todo comezou arredor da escola Rosalía de Castro, que pode contar dela?

—Este centro parte dunha iniciativa da Sociedad Instructiva Pro-Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina, creada en 1923. A eiva máis grande coa que se atoparon os emigrantes galegos foi a falta de formación escolar, posto que o analfabetismo estaba moi estendido. Como non querían que os seus descendentes pasaran por esa situación decidiron construír unha escola na parroquia, que se inaugurou en 1929. A partir dos anos 40 integraron os catro locais cos que contaban e foi cando comezou a funcionar a plena capacidade.

—E finalmente decidiu afondar na vida de Taragoña e centrarse en diversos acontecementos e persoeiros da zona.

—Ao empezar a recadar a información sobre a escola, vin que arredor da década dos 20 había moitas colaboracións na prensa denunciando os problemas no ensino. Tamén resultou que o pósito marítimo tiña unha aula da escola, ademais dos tres locais para os nenos, as nenas e o mixto. Implicáronse na cuestión moitos aspectos da vida social e económica. Por outra banda, Xosé Otero, o secretario da sociedade e un dos impulsores da construción do Rosalía, ten unha extensa obra literaria e xornalística. Con todo isto na man pareceume unha ocasión única para ir recuperando a historia da parroquia.

—Por que cre que é importante que a xente a coñeza?

—Ter unha demografía completa influíu no feito de facer forza e reclamar dereitos. Sempre foi unha parroquia con certo pouso de rebeldía, e estes fitos non só son de interese para as persoas que poidan vivir aquí. O libro vai dos anos 20 á actualidade, aínda que me centro moito nesa primeira década, pero tamén teño documentado o primeiro mestre, festivais que se organizaban para recadar fondos para o Rosalía e movementos sociais e asociativos. Tamén ten moita importancia a música, coa banda dos Pinchudos, ou o cine, inaugurado nos anos 40 e que era o centro de atracción da veciñanza e tamén dos arredores.

—Hai algunha anécdota que crea que pode animar a ler Taragoña na historia?

—Un dos curas que temos documentado aparece como un crego rebelde enfrontado ao arcebispado de Compostela e estivo acusado de neglixencia por non inscribir casados nin bautizados. Tamén está un dos primeiros mestres dos que temos constancia. Cando veu o inspector a controlar o ensino atopouse con que levaba cobrando varios trimestres, pero non tiña alumnos nin edificio porque non conseguira que ningún veciño lle facilitase o local e o concello lle pagaba pero se despreocupaba.

Unicamente dúas. O escritor e investigador non ten constancia doutras escolas feitas por emigrantes en Barbanza. As únicas dúas da comarca están en Rianxo: a Rosalía de Castro, en Taragoña e sobre a que afonda no seu novo libro, e a que existiu no que actualmente é o centro social da parroquia de Leiro.