A artista coruñesa Nuria Pena acada o duodécimo Premio Internacional de Gravado Atlante

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

O xurado mostra as obras galardoadas nesta edición
O xurado mostra as obras galardoadas nesta edición DAVID COSTAS

Máis de 200 traballos de 180 creadores participaron nesta edición

24 jul 2021 . Actualizado a las 20:53 h.

Non hai dúas sen tres, e iso precisamente acaba de conseguir a artista coruñesa Nuria Pena, que coa súa obra Devezo gañou os 5.000 euros da duodécima edición do Premio Internacional de Gravado Atlante, na categoría Ramiro Carregal. Esta é a terceira ocasión na que esta creadora acada uns dos galardóns que se reparten neste certame impulsado pola Fundación Museo de Artes, posto que no 2015 conseguiu unha distinción no apartado Atlante, e no 2019 outra no de Galicia.

 Pena non o tivo doado, posto que este ano presentáronse un total de 215 traballos asinados por 180 artistas procedentes de todo o mundo. Precisamente, na categoría Atlante -dotada con tres galardóns de 2.500 euros cada un-, os gañadores foron o israelí Rajel Bronfman, o polaco Tomasz Winiarski e a canadiense Deborah Chapman. Pola outra banda, o galego Manuel Lareo recibirá os 2.000 euros do apartado Galicia-Pedras de Santiago, mentres que a arxentina Mirta Gendin e o italiano Vinicius Libardoni foron distinguidos cons sendas mencións de honra, ao igual que os coruñeses Paco Casal e María Meijide.

Os membros do xurado, que nesta ocasión estivo formado por Juan Monterroso, Carmen Hermo, Manuel Ayaso, Alfonso Costa, José Daniel Buján, José Manuel López e Isabel Pintado, valoraron especialmente o gran número de obras presentadas, «a pesares de persistir as penas circunstancias que estamos a vivir».

 Calidade

Ademais, quixeron destacar a gran calidade dos traballos gañadores, «tanto técnica como conceptualmente, xa que abren novas vías de expresividade a través do gravado». En canto aos galardóns da categoría Atlante, puntualizaron que se tivo moi en conta a corrección e calidade técnica, así como a delicadeza da iluminación «que se converte en protagonista e creadora do espazo da escena».

Un total de 41 obras foron seleccionadas polo xurado para unha exposición que se inaugurará proximamente no Museo do Gravado de Artes, e que compartirán sala cos traballos premiados e finalistas nesta edición. Os galardón entregaranse o 18 de setembro ás 13.00 horas.