Rianxo volve ser a capital da literatura

RIANXO

carmela queijeiro

Quince escritores recalarán na localidade para dar a coñecer as súas últimas publicacións

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira do Libro regresará este fin de semana a Rianxo, co fin de estreitar o contacto entre os autores e os afeccionados á literatura. Serán oito as librarías que se instalarán na praza Castelao desde o xoves ata o domingo, para ofrecerlle aos visitantes descontos do 10 % nos exemplares que poñerán á venda. Trátase de Cortizas, Pedreira, Nous-Ruge, A Gata Tola, Ben, Cándido, A de Rosa e o Espazo Lector Nobel de Boiro.

A maiores, como sucedeu en edicións pasadas, varios escritores recalarán na localidade para dar a coñecer as súas últimas publicacións, mantendo encontros cos lectores e asinando exemplares. A pluma de Vilagarcía Montse Fajardo será a encargada de abrir esta edición da feira, para o que se encargará da lectura do pregón, fixado para o xoves ás 13.00 horas.

Xa pola tarde, Fajardo regresará á praza Castelao para asinar o seu libro A vida incerta, publicado por Edicións do Cumio. Nesa primeira xornada está prevista tamén a visita de Arantza Portabales, autora de A vida secreta de Úrsula Bas, e do escritor local José Carou Rey, que está a divulgar o poemario Hemisferio da auga.

O venres será o noiés Fon, autor do cómic Gazafellos, o que abra as visitas de escritores, que continuarán con Denis Maza, que asinará La mística de un grano de arena; Patricia Torrado, que recalará en Rianxo con Don Carlos e o misterio dos Lucecús; e Lois Oreiro, que ofrecerá Os mundos de agora.

Recta final

Maite Mosconi achegarase o sábado á Feira do Libro rianxeira para divulgar Gaedhela, algo que farán tamén Xosé A. Perozo, con O libro das avoas; e Miguel Ángel Otero, con Para llegar a ti. Pola súa banda, Helena Villar Janeiro poñerá a disposición do público Alba e a fuga de Guillermo.

Para o colofón desta cita literaria, o domingo, están programadas as visitas de Juan Galán, que asinará exemplares de Romanza de los naranjos en flor; Rena Ortega, que dará a coñecer Bo camiño, peregrino; Rober H. L. Cagiao, con Cuadernos azabache; e Ramón Torrado, que desembarcará con Torino.