Viva a «ruralité»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

RIANXO

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Brétemas é un estudo de deseño que elabora tazas, sacas ou camisetas con expresións moi da terra pero de cuño propio. Unha delas é «viva a ruralité», e tomeina prestada para falar do rural, tan de moda en época de pandemia como vía de escape para urbanitas abafados polos rigores dun confinamento sen máis aire libre que o que ofrecen as ventás que dan a rúas atestadas de coches pasando.

O rural non só está cada vez máis de moda, senón que parece que a súa defensa entra dentro do politicamente correcto, e a ninguén que teña responsabilidades nas Administracións se lle pasa pola cabeza menosprezar a vida nas aldeas nos seus discursos, máis ben ao contrario, e nestes días que vimos de conmemorar o ecuador dos mandatos municipais isto faise evidente no repaso aos programas electorais, nos que todos os partidos aluden especificamente a melloras de servizos nas zonas rurais como peza fundamental nas súas accións.

Porén, todo isto, o presumir do rural, a promesa de máis servizos e o crecente interese por gozar do aire libre e puro que ofrecen os núcleos menos urbanizados, choca coa realidade, que non é outra que a perda gradual de prestacións que axuden a fixar poboación. O peche de escolas é un exemplo paradigmático, pero non único, e a suspensión aínda que sexa temporal de servizos coma transporte das parroquias á vila en Rianxo é un agravio máis. Certo é que os que somos da aldea estamos afeitos a coller o coche para case todo, pero non todo o mundo ten esa opción, e está máis que probado que rara vez que se perde un servizo se consegue recuperar.