Achados do Lioira

Seis armas de cobre da idade do Bronce Inicial foron descubertas en Rianxo en 1976


O 18 de setembro de 1976 ingresaban no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña (Castelo de San Antón) o Depósito de Leiro (Rianxo), que algúns investigadores o consideran como un dos conxuntos máis importantes de todo o Bronce Inicial do Noroeste peninsular.

Segundo a información proporcionada polo citado museo, o achado realizouno Albino Gómez Vidal durante os traballos de explanación na finca Rebolada da Cana. Os obxectos apareceron diseminados polo terreo, e descoñécese se se trataba dun depósito ou acubillo ou, máis improbable, dun enxoval dunha cista funeraria. O achado foi posto en coñecemento da Garda Civil rianxeira que llo notificou ao Consejero Provincial de Patrimonio Artístico e Cultural de A Coruña e da dirección do Museo Arqueolóxico coruñés, que tramitou a adquisición do lote por un total de 20.000 pesetas (120,20 euros).

O achado está composto por seis armas de cobre: unha alabarda e cinco puñais. A porcentaxe de cobre que posúen as pezas supera o 96 %, e conteñen trazas doutros minerais como o chumbo, o arsénico, a prata ou o ferro en distintas proporcións e, en dúas delas, tamén se atopa algo de estaño.

A alabarda é una peza excepcional, cunha folla triangular que se une ao mango con tres perforacións, e presenta unha nervadura central. Pertence a un dos tres grandes tipos da península Ibérica, concretamente, ao tipo Carrapatas ou Nortportugués. É unha peza bastante esquiva nos achados e contrasta co feito de que soe ser unha das armas a miúdo representadas nos petróglifos galegos, caso do petróglifo da Foxa Vella, non moi lonxe de onde apareceron estas armas do Lioira, ou dos de Castriño de Conxo (Santiago de Compostela), Primadoiro (Silleda), Xan de Deus (Moraña), Montecelo (Poio), Laxe de Chan (Cangas) ou Poza da Lagoa (Redondela).

Os cinco puñais pertencen ao modelo de puñais de lingüeta ou espigo, de tradición campaniforme, aínda que presentan diferenzas internas no conxunto. Dous deles amosan ornamentación que consiste nunha estría paralela ao fío, e teñen paralelos nos enxovais das cistas funerarias como as de Taraio (Malpica) ou Atios (Porriño).

Os puñais son un dos elementos que tamén aparecen representados no petróglifo da Foxa Vella, tamén coñecidos como Monte da Pena ou A Borralleira.

O conxunto de armas (alabardas e puñais), teñen un encaixe temporal amplo, quizais dende mediados do III milenio a mediados do II milenio a. C.

O caso do Depósito de Leiro ou do Lioira vén sumarse a outros de gran transcendencia, como foron o Casco de Leiro ou todos aqueles que foron recuperados dende os anos sesenta aos oitenta nas antigas dragaxes do Ulla na procura de area para a construción, como as espadas pistiliformes, a daga ou os estoques. Estes son os achados coñecidos que pasaron a dominio público, e hoxe atópanse expostos no Museo de Pontevedra, mentres anda o ruxe ruxe de que se conservan algunhas pezas en coleccións particulares que detraen e apartan estes bens da súa investigación, exhibición e contemplación, sen que poidamos acceder a elas e ao coñecemento que albergan, facéndonos un pouco máis pobres dende unha perspectiva histórica e cultural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Achados do Lioira