O Concello de Rianxo pasa a ser mecenas da Casa Museo de Rosalía de Castro

RIANXO

cedida

Veciños, escolares e asociacións poderán visitar gratis o edificio dedicado á escritora do Sar

25 feb 2021 . Actualizado a las 13:33 h.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron un convenio que lles permitirá aos veciños, asociacións e colexios do municipio realizar visitas gratuítas ao museo dedicado á escritora do Sar. En virtude ao acordo, o Concello realiza unha achega de 1.000 euros para contribuír ao mantemento económico da institución encargada de divulgar e poñer en valor a figura e a obra da autora de Follas novas.

Anxo Angueira explicou que, no 2019, a taxa de autofinancimento que acadou o museo estivo próxima ao 50 %: «Grazas a eses apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións». Tamén os particulares poden sumarse á subscrición popular que se puxo en marcha, con achegas desde 20 euros ao ano, mentres que para os negocios, a cifra mínima é de 60 euros.