Dolores Gómez: «Un sector pesqueiro máis igualitario contribuirá ao seu fortalecemento»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Consciente da importancia do traballo feminino no ámbito marítimo, persegue que teña maior visibilidade en todos os eidos

12 ene 2021 . Actualizado a las 13:51 h.

Neta e filla de bateeiros, existían moitas posibilidades de que Dolores Gómez Ordóñez (Rianxo, 1972) acabara decantándose por esta profesión, como así aconteceu. Dende principios dos noventa, o cultivo do molusco constitúe o seu medio de vida. O que xa non estaba determinado pola herdanza familiar é a súa inquietude por ser algo máis que unha traballadora do mar. Consciente da importancia de tomar partido, non dubidou en presentar a súa candidatura á presidencia da entidade de bateeiros Aspromeri de Rianxo, da que foi a máxima responsable durante seis anos.

Esa preocupación por darlle visibilidade ao colectivo feminino no ámbito pesqueiro tamén explica que formarse parte do pequeno grupo que fixo posible o nacemento da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, unha entidade da que está á fronte e que gaña protagonismo.

-¿Desempeñan as mulleres un papel secundario no que respecta a actividade marítima?

-En absoluto. As mulleres sempre estiveron presentes nos traballos desenvoltos no mar. É certo que existen notables diferenzas. Son poucas as que se dedican á pesca mariña, pero son maioría as vinculadas ao marisqueo ou á acuicultura, e tampouco debe esquecerse ás que traballan na conserva. Un estudo realizado polo GALP indica que son máis de 5.500 as mulleres que traballan no sector pesqueiro na ría de Arousa. Aumentaron un 14 % nos últimos cinco anos e supoñen o 38 % do total de Galicia. Estes datos son concluíntes.

-Sen embargo, a presenza feminina en órganos directivos é practicamente nula.

-Esa é a razón que levou á creación de Mulleres do Mar de Arousa: darlle máis visibilidade ao colectivo feminino. É un proceso que leva tempo, pero un sector pesqueiro máis igualitario contribuirá ao seu fortalecemento. Como acontece noutros ámbitos, é preciso buscar a paridade na representación. Na Federación Galega de Confrarías, por exemplo, a presenza feminina é mínima. Isto non se corresponde coa realidade. Pensemos na ría de Arousa, onde segundo o estudio do GALP traballan preto do 60 % das mulleres de toda Galicia dedicadas ao marisqueo a pé.

-¿Cal é o motivo de que as profesionais non opten a postos de dirección nos distintos órganos?

-As dificultades para a conciliación da vida laboral e familiar continúan a ser un importante lastre. Aínda que as cousas mudaron moito, a realidade é que seguen a ser as mulleres as que se encargan do coidado dos meniños ou das persoas maiores. Traballan fóra e na casa. Tamén existe certa inseguridade por parte de algunhas profesionais, que temen non ser apoiadas. É verdade que é necesario que as mulleres deamos un paso adiante, pero tamén precisas dunha rede que che axude. Homes e mulleres, traballando conxuntamente, somos necesarios e complementarios. Sen embargo, no pasado establecéronse certos roles e semellaba que o dos homes era exercer a representación. Iso é algo que debemos mudar.

-Dende a entidade que preside faise moito fincapé na unión.

-É moi importante para ter maior fortaleza. As mulleres tivemos que pelexar moito para que se recoñeceran os nosos dereitos. As mariscadoras de a pé son as máis organizadas e noutros ámbitos tamén deberían dar un paso adiante.

-Vostede presidiu unha agrupación de bateeiros, algo pouco usual. Aínda que hai bastantes mulleres no sector, o protagonismo é masculino.

-É certo que no sector bateeiro hai poucas mulleres en cargos directivos. Incluso, nas bateas había antes máis traballando. O aumento da maquinaria require menos man de obra e iso motiva, nas empresas familiares, que elas queden na casa. Eu presenteime a presidir Aspromeri porque estaba preparada como calquera e tiven o apoio dos compañeiros.

«Traballaremos para aumentar as candidaturas de mulleres nas vindeiras eleccións ás confrarías»

Accións formativas e divulgativas forman parte da actividade de Mulleres do Mar de Arousa que, explica Dolores Gómez, iniciaron a súa andaina co apoio do GALP Ría de Arousa para proseguir despois o seu camiño. Sen embargo, un dos obxectivos é lograr maior presenza das mulleres en cargos de responsabilidade.

-Moitas mulleres traballando no mar na ría de Arousa, pero só unha patroa maior.

-Si, Vilanova é a única confraría presidida por unha profesional, María José Vales. Precisamente, traballaremos para aumentar as candidaturas de mulleres nas vindeiras eleccións ás confrarías. Hai moitas cun elevado número de socias, pero iso non se ve reflectido nas directivas.

-Por primeira vez unha muller preside o Consello Regulador do Mexillón de Galicia. ¿É un paso nos cambios que se perseguen?

-Dende logo vai nesa dirección e resulta positivo. Precisamente, dende a asociación tamén queremos lograr unha maior presenza feminina nos postos de dirección das entidades bateeiras. Falamos co novo xerente do Consello Regulador para ver que fórmulas poderían establecerse e queremos propoñerllo tamén a Opmega, para que o que solicitaremos unha reunión.

-¿Manteñen contactos con outras entidades a nivel nacional ou no ámbito europeo?

-Formamos parte de Aktea, que é a rede europea de organizacións de mulleres no sector pesqueiro. Creouse un grupo de traballo en Bruxelas para promover políticas de igualdade.

-E a nivel de integrantes, ¿cales son os seus obxectivos?

-Hai sete confrarías da ría adheridas, así como Aspromeri, Opmega, o Consello Regulador, unha entidade cultural, socias individuais de Amegrove e un par de empresas. Gustaríanos que se uniran mulleres do sector conserveiro, porque en Arousa teñen un peso moi importante. Cantas máis sexamos máis forza teremos para facer propostas.