Carlos F. Coto: «Galicia ten a máxima protección para os hórreos, pero non se fai cumprir»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

ENTREVISTA | Afincando en Rianxo, é un dos impulsores da loita para que os graneiros sexan patrimonio da humanidade

03 ene 2021 . Actualizado a las 14:31 h.

No 2016, co fin de defender, investigar e divulgar un dos tesouros máis prezados do territorio, púxose en marcha a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). O arquitecto afincado en Rianxo Carlos Henrique Fernández Coto (A Estrada, 1960) está desde entón á fronte desta entidade, que vén de marcarse un novo e importante reto: conseguir a declaración de patrimonio da humanidade por parte da Unesco para os hórreos. A batalla preséntase complicada, pero os seus impulsores están convencidos de que paga a pena, pois en xogo está a supervivencia dos máis de 30.000 graneiros elevados -denominación técnica- que se conservan na comunidade galega.

-Por que esta petición enfocada aos hórreos?

-É unha proposta que levamos fraguando desde hai tempo xunto cos nosos colegas asturianos. Tiñamos interese en unir esforzos, así que abrimos a iniciativa a toda a península, co fin de poñer en común as similitudes e as diferenzas. O primeiro que buscabamos era incluír estas construcións no plan estatal de arquitectura popular para ter acceso a subvencións para a conservación e a restauración. Logo empezamos a ter contactos a nivel internacional e de aí xurdiu a idea de tentar promover a declaración do hórreo como patrimonio da humanidade. Sabemos que hai estes elementos en tres continentes, Europa, Asia e África, que é unha das premisas que pide a Unesco.

-Sábese a cifra total de hórreos que hai en Galicia?

-Pensamos que hai máis de 30.000, pero a cifra final coñecerase cando se aproben todos os plans xerais de urbanismo, pois estarán incorporados neses documentos. Só en Mondoñedo hai 650.

-Vén dado este interese polos hórreos polo risco que corren?

-Si, é un dos elementos patrimoniais que máis perigo ten debido ao despoboamento do rural e pola ausencia dunha organización que os defenda. As capelas e as igrexas, por exemplo, teñen o respaldo eclesiástico, pero os graneiros son o patiño feo, aínda que estamos a falar dun dos símbolos máis importantes de Galicia.

-A que atribúe ese abandono que sofren os hórreos?

-Unha das razóns é que se deixan caer porque xa non se precisan para o almacenamento do gran, coma antes. Outro risco é o espolio, pois hai hórreos á venda en Internet. Neste caso, o elemento perde o vínculo territorial e emocional para converterse nun fetiche. Ter un chalé do século XXI cun hórreo antigo carece de sentido.

-Pero non son bens protexidos?

-Efectivamente. No conxunto da península, Galicia ten a máxima protección para os hórreos, pero non se fai cumprir; aínda que están declarados BIC, cada semana recibimos noticias sobre graneiros que están a caer ou que son espoliados e non pasa nada, ninguén actúa.

-Están entón os propietarios dos hórreos obrigados a conservalos e restauralos?

-A Lei do Solo de Galicia recolle que o dono dun ben inmoble é responsable do seu mantemento. Pódese entender o descoido cando un non ten para comer, pero está claro que o coidado dun hórreo ten que ser unha prioridade. Non cabe dicir que non interesa gastar diñeiro nel, sería unha irresponsabilidade.

«O principal obstáculo é que hai que reunir moita información»

Aínda que por diante queda un traballo arduo, Carlos Fernández Coto está convencido de que o fin, esa declaración da Unesco, merece o esforzo.

-Que posibilidades hai de que a Unesco declare os hórreos patrimonio da humanidade?

-É un traballo a longo prazo, pois hai que conseguir fondos para realizar todas as xestións. Desde Apatrigal estamos tamén involucrados no movemento que pide esa declaración da Unesco para o toque manual das campás.

-Cales son os seguintes pasos a dar cara ese obxectivo?

-O principal obstáculo é que hai que reunir moita información. Temos que demostrar que os hórreos se seguen a usar para a súa función orixinal de almacenar o gran e ter testemuñas de maiores sobre as súas experiencias e emocións ao redor dos graneiros. Non é sinxelo.

-Que significaría a consecución desa declaración?

-Lograríase unha protección a nivel global para os hórreos do mundo e tamén se abriría a posibilidade de que as institucións se involucrasen no coidado e na vixilancia, así como que achegaran subvencións para a restauración.

-Estase a facer algún traballo de catalogación?

-Estamos facendo un traballo a nivel da península para catalogar os hórreos de máis de 20 metros. En Barbanza temos o do Araño, o de Lira, o de Carnota, o do pazo de Rianxiño, o da reitoral de Isorna e o de Balbargos (Noia).

-Sobre que outros elementos patrimoniais en risco habería que incidir?

-Tanto os pombais coma os petróglifos precisan labores de conservación e mantemento.