As mansións esquecidas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIANXO

17 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematei onte a lectura da excelente última novela de Suso de Toro, Un señor elegante. Teño que dicir que papei as súas 544 páxinas con avidez. A novela é unha indagación ao redor da figura de Ramón Baltar, un cirurxián con fortes vínculos coa nosa comarca a través de Rianxo, onde o seu pai erguera unha especie de paraíso familiar, o palacete de Tanxil. Como me acontece sempre cos libros de non-ficción (e tamén cos de ficción, non o vou negar), acabo sempre co Google Maps aberto ao carón. Non se entende un libro igual sen botarlle unha ollada ao espazo que narra.

Así que non puiden evitar aproveitarme de Google Maps para botarlle unha ollada ao pazo dos Baltar en Rianxo, en plan chismoso, pero tamén coa idea de entender os espazos deseñados por unha familia. Con certo alivio comprobei que se ben certa parte da finca parece dominada xa pola natureza, os arredores inmediatos do edificio parecen coidados, cuns bonitos xardíns que non están abandonados. Alégrome.

Hai unha parte habitualmente esquecida do noso patrimonio comarcal, que foron as mansións erguidas pola burguesía desde finais do século XIX. Hai moitas, e son casas fermosas que en moitos casos sufriron o abandono provocado por herdanzas multitudinarias. Sen embargo, de algún xeito, están fóra do noso imaxinario.

Pero fálannos tamén dunha parte de nós: canda os muíños, os cruceiros ou os castros, houbo unha Galicia burguesa que floreceu a principios do XX e moldeou tamén o futuro. Aínda nos quedan estas casas.