As gaiteiras reivindícanse en Rianxo

Maruxa Miguéns, Xulia Feixoo e Mercedes Peón coinciden nunha xornada formativa


O papel da muller foi e segue a ser fundamental para o mantemento das tradicións propias de Galicia. Para reivindicalo, a Asociación de Gaiteiros Galegos levará a cabo este domingo en Rianxo unha xornada na que se inclúen relatorios, un obradoiro e un coloquio.

Será unha rianxeira, a veciña de Asados Maruxa Miguéns, a que se encargue de inaugurar este Encontro coa tradición, nome co que foi bautizada a actividade. Os asistentes terán a posibilidade de conservar con ela sobre a súa experiencia como integrante do mítico grupo Os Rosales, sendo na época unha das primeiras mulleres que animaba festas e romarías.

Logo tomará o relevo Xulia Feixoo, que impartirá un obradoiro sobre os pasos a seguir para a recolla e posta en valor da música e da tradición oral. Fará especial fincapé no importante papel que xogan as mulleres como transmisoras .

Despois dun descanso para xantar, as intervencións regresarán ás 16.00 horas con Mercedes Peón, que afondará no eido da tradición desde unha perspectiva de xénero. Esta recoñecida compositora, instrumentista e cantante galega participará tralo relatorio nun coloquio xunto a Xulia Feixoo e Noemí Basanta, integrante da agrupación Adufeiras de Salitre. As tres ofrecerán a súa visión sobre a situación da muller no eido da música tradicional. De moderar encargarase Marina F. Vigo.

Presencial e na Rede

Estas actividades desenvolveranse no Pazo de Rianxiño. Aquelas persoas que desexen estar presentes teñen que inscribirse con antelación, chamando aos teléfonos 986 847 074 ou 982 229 966. Tamén poden enviar un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal. Será posible tamén seguir a xornada a través de Internet.

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos explicaron que o obxectivo é «reivindicar o enorme papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión oral da nosa riqueza cultural».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As gaiteiras reivindícanse en Rianxo