Fina Fernández: Unha pluma para perpetuar aos Rosales

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Editorial Canela

Recolle nun relato biográfico, a historia da insigne parella de músicos rianxeiros

08 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai gaiteiro nin pandereteira en Barbanza, e case podería dicirse en Galicia, que non coñeza a Xosé Romero e Maruxa Miguéns. Esta parella de Asados loitou por dignificar a música tradicional, converténdoa no seu medio de vida nunha época na que a cultura e a arte tiñan escasa consideración. Os Rosales, nome co que se fixeron populares, loitaron contra vento e marea ata conseguir que as súas melodías fosen imprescindibles en calquera foliada. A súa historia de superación vivirá para sempre nun libro que está a piques de saír á rúa. É un volume asinado por Fina Fernández e publicado pola editorial Canela na súa colección Tradición oral.

Os Rosales. O son da festa é unha obra que arranca alá polo 1930, cando un neno, botando man da imaxinación, consegue construír un prototipo de gaita cunha cana e unha vincha de porco como fol. Co seu irmán Alfonso e cos Carou, Xosé Miguéns funda Aires da Nosa Terra e xa nunca será quen de afastarse da música tradicional, paixón que se ve alimentada pola moza de Araño coa que se casa, Eclíptica Órbita Miguéns Lustres, coñecida coma Maruxa Miguéns.

O proceso

Aínda que ofrece unha viaxe pola traxectoria desta parella de emblemáticos músicos rianxeiros, a autora deixa claro que o libro non é un texto ensaístico, senón un relato biográfico que aborda, dentro dun contexto espazo temporal e a través da recreación de escenas, a traxectoria vital e profesional de Xosé e Maruxa: «Paso a paso, canda os protagonistas, o lector poderá experimentar cada momento significativo do seu devir ata a actualidade».

Foi outro dos grandes da música tradicional galega, Antón Corral, o que conduciu a Fina Fernández cara a elaboración deste libro. Ela aceptara escribir a biografía deste artesán e, durante as longas conversas que mantivo con el, coñeceu a historia de moitas persoas coas que tivera estreito contacto. «A muñeira A camposa, de Xosé Romero, era interpretada a cotío polo grupo didáctico que organizara Corral en Tui e sempre que nomeaba o Festival Celta de Ortigueira saía o nome dos Rosales. Referíase a eles como unha familia de músicos que transmitían alegría coa súa forma de tocar. Dicía que non había verdadeira festa se eles non estaban», explica a escritora.

Cando, xunto con Antón Corral, Fina Fernández escoitou Lembrando, o primeiro traballo gravado polos Rosales, a atracción foi total: «O que máis me impresionou foi a voz de Maruxa. Antón dicíame que era necesario dar a coñecer o papel tan relevante do grupo de gaiteiros que tiñan unha muller que cantaba e que deron os primeiros pasos para as fornadas doutros conxuntos que xurdiron despois».

Agora que os coñece ben, a escritora refírese aos Rosales como unha parella que «transmite unha enerxía e unha paixón que semella virlles inserida nos xenes, ou quizais lle veña de seu aos que nacen nesa terra rianxeira da que saíron homes sobranceiros como Manuel Antonio, Dieste, Castelao...». Da traxectoria deles, que agora coñece á perfección, destaca a loita constante por converter a música tradicional no seu medio de gañar a vida: «Naquela loita sempre tiveron moi en conta ao seu público, nunca deixaron de ser fieis á tradición e á súa lingua».

Os personaxes

Fina Fernández admite que admirou a Maruxa desde o primeiro momento: «É unha desas mulleres valentes, capaces de enfrontarse a todo. Posúe unha forza arrebatadora». De Xosé destaca a paixón pola música: «É unha fonte de novas melodías que manan sen parar. Non perdeu nin un chisco daquela ilusión de cando era neno, nin a creatividade».

Son moitos os momentos das conversas que quedarán gravados para sempre na memoria da escritora. Un, cando os escoitou cantar a dúo: «Puiden contemplar un amor de casal na madureza que xa superou todas as batallas da vida. As bágoas agromáronme sen poder evitalo».

Ademais de divulgar a historia dos Rosales, Fina Fernández busca con este libro facer unha achega para manter viva e enriquecer a cultura galega, abrindo unha fiestra cara un pasado que non debe ser esquecido.

«Os Rosales. O son da festa»

Contidos. O libro arranca cun prólogo de Xosé V. Ferreirós. O corpo central son once capítulos asinados por Fina Fernández. Conclúa con dúas análises de Xosé e Maruxa feitas por Christian Castrelo e Gustavo Couto. Contén unha reportaxe fotográfica de Vicente Ansola.