Brais Vicente: «Empecei a prepararme en outubro»

O rianxeiro participará esta semana no Campionato de Europa da Liga Profesional


Ribeira / la voz

Brais Vicente (Rianxo, 1995) xa sabe o que é chegar ao máis alto do culturismo. O dúas veces campión de España, así coma míster universo, subcampión do Top Tap Classic e finalista entre os cinco mellores do Mr. Olympia, volverá esta semana á competición. Participará nunha das citas máis importantes do mundo, o Campionato de Europa da Liga Profesional, que será xoves e venres en Alacante, a onde acudirán algún dos nomes propios do panorama internacional.

-De novo chega a competición. Cal é o obxectivo desta vez?

-Mañá viaxo a Madrid. E de alí dirixireime cara Alacante co xefe dun dos meus patrocinadores, Nocco. Eu vou para gañar, pero sei que compito contra os mellores e os máis famosos.

-Que tal foi a preparación?

-Empecei a prepararme en outubro. Foi moi duro, sobre todo psicoloxicamente. En xaneiro pasei por un momento moi complicado a nivel persoal. Non comía, non durmía, pero tiven que seguir adestrando. Acabei incluso facendo varias sesións cunha psicóloga, miña amiga Marina Tirado. Agora estou mellor.

-E durante o confinamento? Seguiu traballando?

-Mantiven a dieta pautada por Kike García. Adestraba como podía na casa. Pero xa podes imaxinar, non foi fácil. Houbo un momento que tivemos que parar o traballo no ximnasio, pero en canto se puido retomámolo e seguimos preparando este Europeo.

-A parte final adoita a ser a máis difícil, non? Polo tema do déficit calórico.

-Si, as últimas semanas apenas podo durmir, cústame camiñar, son días bastante complicados. Estou consumido, levo un mes sen poder comer graxas.

-E merece a pena tanto sufrimento?

-Claro! Senón non o faría.

-Imaxino que ao rematar o campionato pegarase unha homenaxe.

-Cando termine iremos todos os amigos a comer xuntos por Alacante. ¡Pero con cabeza! Quero competir tamén en novembro, no Olimpia de Portugal.

-Esperase nivel en Alacante?

-Creo que será un dos mellores eventos de Europa dos últimos anos. Veñen moitos culturistas americanos, xente á que admiro moito.

-E hai posibilidade real de rascar algo?

-A ver, o cambio que demos este ano foi incrible, a pesar de todo o que pasou. Foi un cambio moi grande, pero vou coa idea de facelo o mellor posible e listo. Son consciente do difícil que será e a calidade dos rivais que terei diante.

-E que metas se pon a medio ou largo prazo?

-Conto con facerme coa tarxeta IFBB Pro e irme a competir a Estados Unidos. Iso permitiríame ir ás Vegas como culturista. E iso supón un nivel de repercusión brutal a nivel márketing, marcas patrocinadoras. É o lugar máis importante do mundo.

-Ata agora que foi o máis complicado neste mundillo?

-Sempre digo que o difícil non é adestrar nin facer a dieta. É facelo con todos os problemas que tes no día a día. Hai que seguir adiante a pesar diso. Coma todo o mundo, temos un traballo, unha vida a parte disto...

-Segue traballando da man de Kike García coma adestrador?

-Non me imaxino preparando unha proba con outra persoa. Entendémonos á perfección. Ademais de ser o meu adestrador é o meu mellor amigo.

-E que opina da reputación que ten a día de hoxe o culturismo. Cre que está mal visto?

-Nos últimos anos, na miña categoría, Mens Physique, é un deporte á alza. Non creo que estea mal visto. Nos contratos publicitarios e patrocinadores está subindo moitísimo.

-Como é unha rutina diaria?

-Levántome ás oito da mañá, fago café e póñome con exercicios de cardio co estómago baleiro. Logo cociño todo o do día e ao mediodía teño unha segunda comida preadestramento. No ximnasio estou hora e media, con pesas e xa fago alí a terceira comida. Dependendo do día podo ter sesión de fotos ou de vídeo para algunha marca. Volvo á casa e descanso. Xa me custa camiñar. Antes de ir para a cama, última cea e marcho para durmir.

Máis datos:

Palmarés. Vicente xa acadou algúns dos títulos máis importantes a nivel nacional e internacional e quedou entre os cinco mellores no Mr. Olympia.

A dieta, clave. Na vida de todo culturista, a alimentación é o principal piar que marca a diferenza, máis incluso que as pesas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Brais Vicente: «Empecei a prepararme en outubro»