Á Guadalupe faltoulle o mar de Arousa, pero non a devoción

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

A procesión coa imaxe da santa non chegou ao mar, pero si percorreu o Campo de Arriba cos portadores e con Xixí

15 sep 2020 . Actualizado a las 13:49 h.

Un día para a historia da Guadalupe de Rianxo foi o que se viviu onte na terra de Castelao. Como sinala o tópico, nin os máis vellos do lugar lembran cousa igual. O culto pola virxe Moreniña non alcanza os douscentos anos na vila barbancesa, porén, a devoción pola santa é grande e acostuma ser multitudinaria o segundo domingo de setembro. Pero onte, a causa das medidas para evitar os contaxios de covid-19, a celebración foi moi distinta, aínda que non impediu que a imaxe fose sacada nun curto desfile cos portadores e Ramón Iglesias, Xixí, como únicos fieis máis próximos a ela.

Autoridades, comisión e forzas da orde xa avisaran de que non ía haber procesión nin nada que puidese avivar a concentración de persoas, por iso, ata pouco antes de que empezase a misa solemne, oficiada polo ex arcebispo de Tánger e rianxeiro Santiago Agrelo, non se dixo nada de un pequeno cambio na celebración. Foi o Xixí quen avisou de que, ao remate, a santa ía desfilar polo campo, pero non a podía seguir ninguén, e así aconteceu. Os asistentes á misa, desde os seus asentos, seguírona coa mirada ao paso marcado pola Banda de Música de Rianxo.

Como lembraba o historiador local Xesús Santos, coa insólita procesión facíase realidade unha estrofa das moitas que distinguen á venerada santa: «A virxe de Guadalupe ten uns zapatiños brancos que lle regalou o cura para pasear polo campo». E aínda que o sucedáneo quedou ben, non é o mesmo que unha procesión marítima, como se encargou de sinalar un home, que non entendía porqué no se fixera no mar aínda que só fose co barco da santa.

Rigoroso respecto

Con rigoroso respecto ás normas sanitarias e á devoción coparon a totalidade dos asentos do Campo de Arriba os fieis máis puntuais. Á organización non se lle escapou detalle para evitar acumulacións de xente, cos accesos distintos para entrar e saír ás misas e tamén á capela co fin de evitar os cruces o máximo posible. Só nas primeiras filas se instalaron bancos corridos e tiñan unha finalidade: os 11 nenos que facían a primeira comuñón, cousa que, ao parecer, tamén queda para a historia, porque non se permitían estas celebracións na misa solemne da Guadalupe. Os nenos e as nenas que ían recibir o sacramento eran os únicos que podían estar acompañados por familiares convivintes.

Nin as autoridades puideron dispor dun posto de privilexio na Guadalupe da pandemia e permaneceron nun discreto segundo plano atentos ás palabras do crego franciscano, que ata chegou sinalar que á Guadalupe se lle falta Moncho -Xixí- sería como se faltase a propia virxe.

Onte era un domingo da Guadalupe para comparar cos dos últimos anos e botouse en falta a calor humana que o distingue, aínda que podían verse panos nalgunhas ventás e balcóns e nalgúns pescozos, e ate disque que algunha juadalupeña, pero aparentemente, Rianxo respectou as normas e á súa propia santa, á que lle dedicou a internacional Rianxeira e a versión eclesial composta polo frade Agrelo.