Raúl Frieiro: «Sempre haberá uns poucos que infrinxen deliberadamente as normas»

Aplaude a gran colaboración entre as forzas da orde durante o estado de alarma


RIBEIRA / LA VOZ

Aínda que deu os seus primeiros pasos profesionais na Policía Local do municipio rianxeiro, tivo que pasar logo por A Coruña e Ribeira para poder retornar a súa vila. Raúl Frieiro (Rianxo, 1971) asumiu hai preto dun ano as rendas deste corpo de seguridade, un período complicado e marcado pola crise do coronavirus.

-Como foi este primeiro ano?

-O balance é positivo. Cando asumes novos retos profesionais, sempre hai que estar disposto a facelo con traballo e dedicación, e nesa liña me atopo. Coincidiu nunha época de cambios, tanto de emprazamento pola recepción da nova xefatura, como na implantación da administración electrónica no Concello. A situación ocasionada pola pandemia freou considerablemente estes cambios, pero non baixou para nada o ritmo de traballo.

-O estado de alarma multiplicou o seu traballo, que foi o peor?

-O estado de alarma supuxo unha situación nunca vista ata o momento. Neste escenario as forzas e corpos de seguridade, e en xeral toda a cidadanía, vímonos ante unha situación que nos obrigou a asumir certas restricións e o control das mesmas. A ambigüidade á hora de aplicar as disposicións normativas e a disparidade de criterios para súa interpretación, ademais de bulos e noticias falsas, complicou moito a situación. Botamos de menos criterios concretos e non cambiantes co fin de establecer unha uniformidade, xa non só na comarca, senón a nivel provincial e autonómico. Resolvemos máis de 2.500 chamadas de solicitudes de información e aclaracións. Un apunte positivo foi a excepcional colaboración entre as forzas de seguridade. Síntome orgulloso tanto do comportamento dos veciños como da disposición e profesionalidade do plantel da policía.

-Falando dos veciños, custou que cumprisen as normas?

-A inmensa maioría dos cidadáns comportouse de forma correcta, deu exemplo de cordura, civismo e sentido común. Sentímonos arroupados e apoiados pola gran maioría. Sen embargo, como en todos os sitios, sempre haberá uns poucos que infrinxen deliberadamente as normas. Nese sentido, vímonos na obriga de dar conta dos feitos e propor para sanción aos infractores, algúns deles reincidentes.

-O volume de propostas de sancións foi importante?

-Proporcionalmente estamos moi por debaixo de outros concellos da comarca, a pesares do que poden indicar os números e a estatística. Quizais o feito de envorcar a totalidade dos efectivos a tarefas moi concretas e case permanentes, como foron os controis e as identificacións de persoas na rúa, unido ao feito de estar no límite con Pontevedra e establecer dispositivos na ponte de Catoira, fixo que detectaramos numerosos incumprimentos inxustificados da normativa, e con iso incrementouse o resultado das propostas de sanción.

-Nesta nova normalidade hai que seguir vixiando o uso de máscaras e as terrazas. Como está a situación?

-O noso obxectivo é traballar para dar cumprimento ao disposto na normativa autonómica e seremos inflexibles coas infraccións deliberadas da norma. Isto implica un plus de inspeccións de zonas sensibles, como poden ser os establecementos de ocio, a hostalaría e, en definitiva, calquera punto de concentración de persoas susceptible nun momento dado de crear un risco para a saúde pública. A valoración global é que, a pesar de certo relaxamento, a xente e os sectores implicados están cumprindo na súa inmensa maioría. A sociedade está concienciada de que o virus está aí e por desgraza para quedarse, co cal é unha tarefa de todos poñer o noso gran de area.

«Notamos un incremento dos delitos contra a seguridade viaria»

A vila rianxeira non é especialmente conflitiva, pero hai certos delitos que comezan a repetirse con maior asiduidade.

-Cales son os principais problemas deste municipio?

-Notamos un incremento dos delitos contra a seguridade viaria -con máis de 20 atestados este ano- e contra a saúde pública, coa intervención de preto de 100 gramos de droga en 11 operativos, e o desmantelamento dun punto de venda no casco urbano. Tamén houbo un repunte de pequenos delitos contra a propiedade, que aínda que non foron de gravidade si que xeraron certa alarma social, pero finalmente o presunto autor foi detido. Hai tamén unha suba das infraccións administrativas relativas á tenza de animais de compañía, e recentemente adherímonos ao sistema de protección de vítimas de violencia de xénero asumindo unha parte importante dos casos que temos activos no concello en colaboración coa Garda Civil do posto de Rianxo e a agrupación de Tráfico. Neste concello estamos 13 puntos por debaixo da media provincial, e no último ano rexistrouse unha baixada dun 14 % destes delitos.

-Que tal as novas dependencias?

-Dándolle os últimos retoques para poder trasladarnos a elas. O estado de alarma dilatou a colocación de mobiliario e os últimos traballos loxísticos dende que se recepcionou a obra. Esperamos tela plenamente operativa antes do fin do verán.

«Estase a suplir a carencia de axentes con persoal eventual»

Aínda que a situación da Policía Local de Rianxo non é mala, «tampouco é a mais axeitada no que se refire a medios humanos. Necesitamos ampliar o número de efectivos na rúa e facelo con persoal funcionario. Dende hai uns anos estase a suplir a carencia de axentes con persoal eventual na época estival, o que nos permite prestar un servizo continuado as 24 horas. Pero precisamos cubrir adecuadamente as quendas de traballo con funcionarios e non con auxiliares», apunta Raúl Frieiro.

-Vostede impulsou unha asociación para unir a todas as policías locais. Cales son os principais problemas deste corpo?

-Ademais da falta de efectivos, tampouco hai unha regulación específica en asuntos fundamentais, tales como a disparidade de niveis de complementos, hai axentes que ocupan os mesmos postos de traballo en concellos similares e existen diferenzas de ata 600 euros. Tamén fai falta unha regulación de cuestións básicas e primordiais, como son a existencia aínda de municipios de menos de 20.000 habitantes con patrullas unipersoais, inoperativas totalmente e que xeran riscos para a seguridade nas intervencións dos funcionarios. Outra cousa necesaria é un sistema de intercambio eficaz de información das policías locais de Galicia, que permita a debida interconexión dos corpos máis próximos ao veciño. Son cousas que hai que abordar si ou si.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Raúl Frieiro: «Sempre haberá uns poucos que infrinxen deliberadamente as normas»