«O mar dáche unha paz que non hai noutro sitio»

lucía eiras / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Foi patrón maior de Rianxo máis de dúas décadas e lembra a etapa de mariñeiro como a mellor da súa vida

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Veciño da localidade mariñeira de Rianxo e fillo de familia pesqueira, o destino estaba practicamente escrito para Baltasar Rodríguez (Rianxo, 1955), que dedicou toda a súa vida ao mar. No 1969, cos 14 anos acabados de cumprir, comezou a navegar con seu pai no barco familiar. Recorda o pouco que tiña que ver cos que hai agora: «As cousas cambiaron moito, nin te imaxinas como eran daquela. Cando eu comecei estaban aínda empezando a chegar os cabos de esparto e non había nin maquinillas», comenta botando a vista atrás.

Mariñeiro ou construtor, daquela non había moitas máis posibilidades: «Eu para o oficio non valía. Meu irmán, que ao final tamén se decidiu polo barco, aínda tiña algo de maña. Pero eu non sabía facer nada, nin tampouco quixen aprender nunca». Recoñece que a auga lle dá algo que xamais vai atopar en terra: «Para min é liberdade. O mar dáche unha paz que non hai noutro sitio. Recordo eses anos como os mellores que vivín».

Con todo, o rianxeiro admite que non foron tempos doados: «Non había material, os cabos non aguantaban e a seguridade era mínima. Todo era máis difícil. Quen nos dera daquela algún material que hoxe venden de segunda man». É consciente de que todo era complicado pola escaseza de recursos: «As cousas custaban moito máis porque se facía todo a man».

A de Rodríguez era das familias que non perdía ningún día de ir ao peixe: «Eramos deses que aproveitábamos ata o último minuto. Obrigabámonos nós mesmos a saír», pois quedar en terra podía supoñer, facilmente, perder o día: «Ás veces pensabamos que non estaba tempo para ir, quedabamos no porto e despois clareaba. Iso era unha xornada perdida que non nos podiamos permitir», explica.

As lembranzas

Unha etapa dura da que conserva bos recordos: «Comecei de rapaz e fun indo pouco a pouco. Foi unha época moi bonita». A pesar de lembrala como unha das mellores, este lobo de mar confirma que a pesca, como todo, ten as súas partes negativas: «É un traballo duro e sacrificado, no que ademais hai moitos riscos».

Un labor no que existe unha gran competencia e que estivo sen regular durante moito tempo: «Saes á mañá e volves á túa hora, pero hai xente que vai e bota toda a noite no mar, algo que prexudica a todos. Na miña opinión non é algo bo. Os peixes teñen ollos e escapan do perigo».

Os anos foron pasando e con eles sucedéronse os cambios: «O que hai hoxe nin se pensaba no 65. Empezamos con pouco e despois pasamos a reconversión, como a maioría da xente do mar de Rianxo». Co paso do tempo cambiou tamén o produto co que traballaban: «Entre os anos 70 e 80 empezamos a meternos nas bateas porque tiñamos tempo libre na pesca». Foi o momento de separarse de seu pai: «Meu pai e meu irmán ían nunha embarcación e eu e meu tío noutra». Unha etapa na que o sector comeza a ir para arriba e os mariñeiros empezan a coller valor.

Melloras no traballo

En busca de maior beneficio, cruzaron a fronteira con Pontevedra para vender o marisco: «Iamos vender ao Grove porque alí pagaban moi ben». Unha mostra tamén da importancia que os progresos teñen para este sector: «Alí había tren e isto permitía que mandaran o marisco fresco para Madrid. Evidentemente, pagábase moito máis».

O sistema de compravenda e o traballo no mar comezou a regulamentarse, o que permitiu conservar o sector: «Ata o momento poñías máis peixe no mercado do que se demandaba. Non importa que o leves se non tes quen cho compre». Co obxectivo de que deixara de ser así, Rodríguez presentouse ás eleccións para ser patrón maior da confraría de Rianxo, algo que mudou a súa maneira de vivir: «Entrei no ano 1996 e presenteime por última vez nas eleccións de 2014. Deixei de facelo cando me xubilei».

No seu período á fronte da asociación, recorda, conseguiu logros que no momento eran inimaxinables: «Collín a confraría completamente empeñada. Comezabamos a levantar cabeza e no 2002 morreu todo. Recuperamos e tivemos momentos bos, pero no 2006, coa ola de incendios, volveu a vir a catástrofe». Anos de sequidade nos que as perdas eran maiores que as ganancias: «Pasamos moitos invernos sen berberecho mentres faciamos inversións cada ano. Ser capaz de recuperar unha confraría que ía a pique é algo do que estou moi orgulloso». Aínda que, recoñece, «foron décadas que me fixeron perder nivel de vida, pero valeu a pena».

A experiencia fixo que agora saiba dar bos consellos: «Todo o mundo tiña que saber o pan que o demo amasou», xa que para conseguir o que hai hoxe tívose que sacrificar moita xente. «Non vale falar e criticar, senón facer. As persoas comentan moito, pero descoñecen o que hai detrás», engade.

Xa xubilado, Rodríguez é un lobo de mar ao que non poden separar da auga: «Se hai mar lévame a onde queiras. Ou aínda que sexa a un río no que poder mollar as mans». Recoñece cal sería o peor veleno para el: «Se me queres matar prohíbeme baixar ao porto de Rianxo cada mañá».

pendente

A pesar da importancia que tivo o seu traballo na confraría e de conseguir saldar as débedas, recoñece que lle quedou unha espiña cravada: non sacar para diante o náutico. Algo que, considera, é elemental para darlle estabilidade ao porto.