As letras vencen ao covid en Rianxo

Ricardo Losada encargarase do pregón o xoves e Esther Carrodeguas sumarase ao peche


A crise sanitaria desencadeada polo coronavirus provocou a suspensión de boa parte das festas e grandes actividades lúdicas previstas para o verán en Barbanza, pero a Feira do Libro de Rianxo logrou salvarse da criba. A cita arrancará o xoves no Campo de Arriba da vila e prolongarase ata o domingo. O eixo serán os postos das librarías Pedreira, Ler, Cándido, Ben, A Gata Tola e Cortizas. De xeito paralelo á venda de volumes cun desconto do 10 % que ofrecerán estas casetas desenvolveranse diversas actividades de carácter literario.

O escritor local Xosé Ricardo Losada será o encargado de inaugurar a feira, ofrecendo o pregón (xoves, 13.00 horas). Volverá a intervir no peche desa primeira xornada, ás 21.30 horas, para asinar exemplares do seu libro A casa xunto ao volcán. A maiores, a boirense Natalia Carou achegarase ás 20.30 a Rianxo para divulgar a súa última obra, O mal querer.

Para a xornada do venres están programadas as visitas de María Xesús Blanco, que vén de lanzar O caderno de Rosalía; Juan J. Prieto, que está a divulgar La sonrisa eterna; José María Rodríguez, que asinará Liortas viquingas; Charo Baleirón, que vén de rematar un libro sobre Carballo Calero; e Francisco Leira Castiñeira, que poñerá a disposición do público Soldados de Franco.

A noite do lobo, de Abel Tomé; Migratoria, de Andrea Fernández; La piedra del destino e El guardián de las flores, de Rober H. Cagiao; Formigas nos pés, de Nazaret López; e Guerreiras de lenda, de Maite Mosconi, serán os libros que cobrarán relevancia o sábado en Rianxo coa chegada dos seus autores á vila.

Desembarco final

E para a xornada final desta edición da Feira do Libro de Rianxo, a do domingo, hai programado un novo desembarco de escritores, cos que os asistentes terán ocasión de intercambiar impresións. Trátase de Antonio Piñeiro, coa súa obra Celada; Eduardo Estévez, con Sen fin; Charo Lopes, con Álbum; César Lorenzo e Jorge Campos, con Atlas da Galicia pequeniña, e Víctor Vázquez, con Los días siguientes. Do peche encargarase Esther Carrodeguas, que asinará exemplares de Malcriada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As letras vencen ao covid en Rianxo