«Come a comarca» descobre en Barbanza o segredo da empanada de berberechos con cuncha

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Cinco cociñeiros da bisbarra participan no programa, que se emitirá o martes na TVG

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os segredos da elaboración de varios dos pratos típicos da zona do Barbanza, como a singular empanada de berberechos con cuncha, serán dados a coñecer no programa Come a comarca, de Voz Audiovisual, que a TVG emitirá o martes pola noite. Os cinco cociñeiros afeccionados que viaxan a cada unha das bisbarras galegas para coñecer a súa gastronomía enfrontaranse a outros tantos restauradores locais.

Neste décimo programa, o equipo formado por María José Basantas (funcionaria), Alejandro Rodríguez (exalcalde de Oia), Ofelia Lema (vixiante de seguridade), Rulo Paz (cantante de orquestra) e Celia González (pescantina) recala nos municipios de Arousa norte. Eles deberán poñer a proba o aprendido medíndose a Belén Franco (panadería Pireta de Rianxo), Dani Torres e Juan Patiño (tapería A Recoveira de Ribeira) e Óscar Miguel e María Francisca Chouza (cafetería A Central de Ribeira).

Ambos equipos deberán preparar un menú composto por empanada de berberechos con cuncha, chocos da ría con arroz e papas de arroz. A coñecer os detalles destas receitas axúdalles o infiltrado, Alberto Carou (Curral do Marqués de Rianxo), quen subliñou que «ten moito mérito que persoas que nunca cociñaron baixo presión logren sacar os pratos adiante».

Carou comentou que «o meu labor é facilitarlles trucos para preparar os menús e tamén darlles a coñecer artes de pesca da zona, como o xeito ou o marisqueo, así como a importancia dos polígonos de bateas da ría».

Pasos previos

Como pasos previos, os concursantes aprenderon en Cabo de Cruz como se collen os berberechos, e Felisa Iglesias, de Casa Pachín de Rianxo, ensinoulles como elaborar a empanada de berberechos con cuncha. Sen saír deste municipio, o vicepatrón maior da confraría, Francisco Ramos, indicoulles o sistema da poxa para que puideran conseguir un quilo de chocos, que levaron ao mesón Don Miguel da Pobra para aprender a cociñalos na súa tinta.

Finalmente, os cociñeiros afeccionados adentráronse na receita das papas de arroz da man de Rosa Collazo, toda una experta.

O vicepatrón maior rianxeiro, Francisco Ramos, cualificou a experiencia de interesante e indicou que os concursantes captaron sen dificultade o mecanismo da poxa: «Díxenlles cal consideraba eu que era o mellor choco para o que ían aprender a facer.

Como positiva tamén valoraron a súa participación a rianxeira da panadería Pireta Belén Franco e o dono da tapería ribeirense A Recoveira, Dani Torres. Este último indicou que «o mundo da cociña está na actualidade moi en auxe e un programa como o de Come a comarca contribúe á promoción da gastronomía local e do traballo que levan a cabo os cociñeiros. Cos coñecementos adquiridos, o desenlace desta viaxe culinaria por Arousa norte, conducida por Fran Cañotas, poderá verse o martes na Televisión de Galicia.

O equipo dos cociñeiros locais e o formado polos afeccionados enfrontaranse nun concurso popular que terá como escenario a lonxa de Ribeira. Un xurado popular, integrado por 15 veciños da zona, serán os encargados de decidir cal dos dous grupos se leva a vitoria neste novo programa de Come a comarca.

Ao mesmo tempo, serán os encargados de comprobar a habilidade nos fogóns que teñen cada un deles na elaboración dos diferentes pratos que lles foron encomendados, un menú confeccionado polo propietario do rianxeiro Curral do Marqués, Alberto Carou, co fin de poñer en valor algúns dos produtos do mar máis típicos da zona.

Na vindeira semana, ao equipo de cociñeiros afeccionados tocaralle viaxar á Mariña Lucense, onde de novo volverán a poñer a proba os seus coñecementos ao fronte dos fogóns co menú que lles propoñan elaborar.