Hemeroteca: O Concello rianxeiro pedía a oficialización da lingua galega e do seu topónimo

RIANXO

cedida

A Real Academia da Lingua xa emitira un informe favorable o ano anterior para usar Rianxo

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rianjo, Puebla, Noya ou Riveira son só algúns dos exemplos dos topónimos de varios concellos da comarca que, ao longo das últimas décadas, foron variando e evolucionando ata á denominación actual. Precisamente, hai 41 anos, o municipio rianxeiro aproveitaba a celebración do Día das Letras Galegas para solicitar a oficialización do idioma da comunidade e tamén do seu topónimo.

Aínda que xa había anos que este Concello barbancés desterrara a forma Rianjo, o certo era que moitos organismos a seguían utilizando. Por iso, en 1978, o goberno local xa dirixira un escrito á Real Academia Galega (RAG) no que pedía que tomase unha decisión sobre este asunto co fin de solicitar ao Consejo de Ministros que autorizase o topónimo Rianxo. O veredicto da institución lingüística foi moi claro: «A corporación estima que o termo Rianjo, utilizado actualmente no terreo oficial, é unha ilóxica, caprichosa e desaxeitada castelanización de Rianxo, sendo este, conforme acabamos de ver, o verdadeiro e único topónimo que debe empregarse sempre».

A pesar da decisión da RAG, no ano 1979 aínda as autoridades non empregaban a forma correcta, e non sería ata o 1983, coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística, cando se oficializou formalmente o topónimo Rianxo.