Suma en Rianxo de forzas culturais

Tres activistas fundaron unha entidade que pretende ser punto de encontro


ribeira / la voz

Son de sobra coñecidos polas actividades que, xuntos ou por separados, veñen organizando desde hai tempo no eido cultural, propostas que case sempre buscan involucrar á cidadanía. Agora decidiron legalizar esa suma de forzas dándolle forma a unha asociación que aspira a ser un lugar de encontro, un foro no que compartir pequenas experiencias das que poidan xermolar grandes proxectos. Xosé Luís do Pico Orjais, Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro son os tres piares da Cultural Bubela de Abuín, unha entidade que quere achegar o seu grao de area ao importante movemento cultural que existe en Rianxo.

Helena de Alfonso e José Lara son máis coñecidos como Barahúnda, un dúo musical que decidiu cambiar o bulir de Madrid pola tranquilidade rianxeira para deixarse inspirar polo mar e polas paisaxes de Barbanza. Xosé Luís do Pico é un mestre moi vinculado tamén ao mundo da música. Desde as aulas da UNED Sénior puxo en marcha interesantes proxectos de recuperación do patrimonio musical e dirixe o fondo de música local, un dos principais arquivos de Galicia da súa categoría polos importantes documentos que atesoura.

Afeitos a colaborar e a apoiarse, os tres decidiron unir as súas forzas: «Esta asociación xurde na filosofía dos concertos e das actividades de voluntariado cultural que viñamos organizando, parte absolutamente da base social», explica Orjais. Tanto el como os seus compañeiros de aventura refírense á conmemoración do 25 de abril, que veñen realizando desde hai varios anos, como o posible punto de partida da Bubela de Abuín: «O primeiro ano, os veciños nin coñecían as cancións relativas á Revolución dos Caraveis, pero logo fixéronas súas e nas últimas edicións conseguimos xuntar un bo número de voces».

Os tres destacan tamén que pretenden sumar, conscientes de que en Rianxo non falta oferta cultural. «É incrible o movemento que hai nun pobo que non chega aos 12.000 habitantes, pero nós queremos ser unha proposta máis», explica Helena de Alfonso. Xosé Luís do Pico engade que é ese amplo abano de actividades o que os leva a aspirar a máis: «Aquí existe un hábito de ir a espectáculos, de participar, e iso anima a facer máis, a seguir traballando».

Ánimo integrador

Son conscientes de que hai máis rianxeiros que, como eles, queren sumar no eido cultural e é precisamente aos que se dirixen: «Queremos crear un espazo de encontro, aglutinar á xente de Rianxo que se dedica a isto da cultura para compartir coñecementos e para ir descubrindo novas liñas de traballo», comenta Orjais.

O dúo Barahúnda foi o encargado de bautizar a nova asociación: «Á nosa leira de Abuín veñen con frecuencia bubelas cando é primavera e coincidiu que, cando estabamos gravando o disco Múdanse os ventos, aparecía unha con frecuencia, sobre todo cando xurdían as boas ideas. Converteuse para nós nunha especie de símbolo da natureza vinculado á boa sorte e tamén á liberdade dun ave viaxeira que vai dun lugar a outro en función das estacións. Por iso pensamos que era o nome axeitado para esta nova aventura», explica Helena.

A Bubela de Abuín xa deu o primeiro paso, devolvéndolle o contido cultural á que fora a casa de Manuel Dieste, cunha cita que, en forma de charlas, presentacións literarias, faladoiros ou concertos; terá continuidade cada terceiro xoves de mes. Pero enriba da mesa das forzas vivas da cultura rianxeira hai outros moitos proxectos. Un deles, un disco que está a piques de ver a luz, integrado por temas compostos polo propio Xosé Luís do Pico que, para a interpretación, se deixa arroupar por un feixe de colaboradores, entre os que se atopan Barahúnda, Aldara Muíños, Alejo Amoedo ou Xosé Duncán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Suma en Rianxo de forzas culturais