Rianxo reivindica a indiscutible e universal figura de Castelao

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

O alcalde convidou a percorrer o roteiro sinalado na vila e lembrou que «Nós» cumpre cen anos

01 feb 2020 . Actualizado a las 20:43 h.

O día non se prestou para celebrar o 134 aniversario do nacemento de Castelao ao pé do busto de bronce do paseo da Ribeira de Rianxo, pero si permitiu depositar a coroa de loureiro por parte do alcalde, Adolfo Muíños, e o vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, para logo centrar no salón nobre da casa do concello o resto das actividades, empezando pola actuación do grupo Silva Redonda, con temas tan rianxeiros como Ondiñas da nosa ría, que foi o que deu orixe á popular Rianxeira, a banda sonora da vila, como a cualificou o propio Muíños.

O rexedor explicou aos asistentes, entre os que había un feixe de convidados foráneos, que os espazos vitais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un total de 33, están sinalizados por todo o concello, pero que a maior parte atópanse na vila, e lembrou a casa na que naceu, a vivenda na que residiu «lugares de infancia, lugares de encontro, nos que queremos que a xente que veña de fóra, e nós mesmos, recoñezamos a Castelao a través desas pegadas. Son tamén espazos de memoria, como o campo de concentración; e da súa traxectoria política; espazos literarios».

Proxección internacional

Lembrou o alcalde que este ano se cumpre o centenario da publicación da revista Nós «que estando en galego, tivo unha proxección internacional, incluso traducindo unha parte do Ulises de James Joyce».

Castelao ten esa virtude de transcender. É algo que non son quen de explicar. Sei que se achega á xente nova, aos vellos»

Pola súa banda, o máximo representante da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, destacou que o ilustre escritor, do que está a facer unha obra biográfica, é unha personalidade indiscutible: «Castelao ten esa virtude de transcender. É algo que non son quen de explicar. Sei que se achega á xente nova, aos vellos». E para rematar, explicou como lle pasaron unha pintada que dicía: «Castelao, puto amo».

MARCOS CREO