Manolo o das Lejías de Asados, o home que se deixou contaxiar pola febre do teatro

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

RIANXO

Manuel Lodeiros, no extremo dereito da foto, nunha imaxe de arquivo durante unha representación con Airiños
Manuel Lodeiros, no extremo dereito da foto, nunha imaxe de arquivo durante unha representación con Airiños No disponible

Manuel Lodeiros Astray faleceu o martes

24 ene 2020 . Actualizado a las 13:05 h.

Home calado e de carácter tranquilo, Manolo Lodeiros, coñecido na parroquia rianxeira de Asados como Manolo o das Lejías polo negocio familiar que contribuíu a levantar, foise esta semana como viviu, sen facer demasiado ruído. Din os veciños cos que conviviu desde que casou con Chita que era apracible, conciliador e cordial, desas persoas que non adoitan queixarse por nada e que saben adaptarse ás circunstancias, tanto, que ata se deixou contaxiar pola febre do teatro.

Coñeceu a Chita en Santiago, onde vivía coa súa familia, cando ela estudaba, e veu parar á casa dun histórico do teatro como era o seu sogro, Ramón Pimentel, director do grupo Airiños durante décadas. E a pesar do seu carácter introvertido, ou cando menos esa era a imaxe que proxectaba cara quen non o coñecía na intimidade, non puido evitar a chamada das táboas e tamén subiu ao escenario con Airiños para algunha que outra representación, como A Fiestra Valdeira. A familia do teatro de Asados está tamén de loito porque a filla e as netas de Manolo continúan coa saga e son actrices importantes no elenco da compañía.

No profesional, Manolo levou as rendas da fábrica de lixivias Los Cuatro Vientos, encargándose da distribución e venda e da expansión do negocio. E no persoal, será recordado coma un bo veciño e un bo pai de familia, que ademais soubo aproveitar a vida ata os últimos instantes.