As pegadas de Castelao en Rianxo, a través de 33 placas

Antón Parada

RIANXO

COTO

Permitirán seguir as distintas localizacións dun itinerario que xa existía, pero vén de ser ampliado grazas ás indicacións de investigadores

21 ene 2020 . Actualizado a las 21:23 h.

O Concello de Rianxo iniciou onte a colocación da primeira serie das 33 placas que sinalizarán o roteiro cultural do veciño máis ilustre da vila, Castelao. Realizadas na mítica cerámica de Sargadelos, estes recoñecibles círculos permitirán seguir as distintas localizacións dun itinerario que xa existía, pero vén de ser ampliado grazas ás indicacións de investigadores como Xosé Luís Axeitos, Xesús Santos e Xosé Comoxo.

«O proxecto pretende darlle aínda máis visibilidade, se cabe, á presenza de Castelao na vila. Mais non só iso, xa que algúns dos seus relatos nos levarán fóra do casco», explicou o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, para indicar que todos os espazos estarán vinculados á súa traxectoria, xa sexa familiar, social, política ou cultural.

Turismo

Do mesmo xeito, o rexedor sinalou que a iniciativa conta cunha dobre finalidade, xa que «é unha forma de demostrar que se pode visitar Rianxo turísticamente cos ollos de Castelao».

Precisamente, este recurso turístico está apoiado con material como un mapa dixital e textos explicativos aos que se pode acceder dende a páxina web do Concello (www.rianxo.gal).

Do mesmo xeito, Adolfo Muíños lembrou que o proxecto do Roteiro Castelao continuará coa publicación da pertinente guía, pero tamén que o número de placas non é definitivo e, polo tanto, o de puntos de interese sobre o autor de Sempre en Galiza no municipio tamén poderá medrar no futuro: «Trátase dun proxecto que está vivo».

Neste senso, o alcalde tamén explicou que a previsión é que a colocación das placas para completar este percorrido cultural estea finalizada entre esta semana e a vindeira. O Roteiro Castelao non é a única aposta deste tipo realizada polo Concello de Rianxo, xa que actualmente existen outros, como o arqueolóxico ou o ambiental do río Te.