Juan García Domínguez: A metade de Encarnita Moda baixou o enreixado para sempre

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Os seus restos recibirán sepultura esta tarde no cemiterio de Rianxo

10 ene 2020 . Actualizado a las 08:34 h.

O 30 de novembro pechaba definitivamente un dos negocios históricos de Rianxo. Encarnita Moda dicía adeus despois de 68 anos abrindo as súas portas todos os días da semana, e onte era Juan García Domínguez, a metade do que fora o buque insignia do comercio rianxeiro, o que baixaba o enreixado para sempre. Aos seus 96 anos, Juan o de Encarnita separouse por primeira vez e definitivamente da súa dona.

Foi no 1951 cando Juan García e Encarnita Rodríguez se puxeron á fronte dun comercio ao que os clientes bautizaron co nome da muller. Ata cumpridos os 90 anos de idade, ámbolos dous permaneceron ao pé do mostrador sobre o que cimentaron, non sen esforzo, a súa familia e un negocio que mudou e se diversificou co paso das décadas para atender as novas demandas dos tempos.

O seu lles custou dicir adeus á tenda, sobre todo a el, que hai pouco máis dun mes, no derradeiro día de portas abertas de Encarnita Moda, dicía con franqueza: «Eu non quero pechar, nin teño présa por facelo».

Pero Juan o de Encarnita non sempre estivo detrás do mostrador. Era músico, e nos seus tempos percorría as festas de Galicia co grupo Treixadura tocando o acordeón. Xa daquela, tiña ao seu carón á súa inseparable compañeira durante 70 anos: «Sempre estivemos xuntiños e moi contentos». Hoxe, precisará o apoio dos seus fillos e do seus netos para despedir ata sempre a Juan, cuxo funeral se celebrará ás 17.00 na igrexa de Santa Columba.