O volcán da identidade

RIANXO

marcos creo

É a segunda novela do rianxeiro X. Ricardo Losada

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa xunto ao volcán, segunda novela do escritor rianxeiro X. Ricardo Losada, acadou o II Premio Viadutos de novela e vén de ser publicada por Galaxia, unha sorte para os que gustamos dunha literatura pasada polo filtro da orixinalidade, cun estilo único e inimitable que ole a novo e diferente. Unha frescura que se suma ao relato psicolóxico dos personaxes, que nunca é plano, nin compracente, nin politicamente correcto, como xa demostrou na súa novela Bótame deste mar fóra, fuxindo de calquera estereotipo. Por riba, volve a este texto esa tensa fusión entre a literatura e a filosofía. Ao mesmo tempo que nos conta unha historia a través dos personaxes, X. Ricardo analiza, racionaliza, conceptúa..., e fai que as fronteiras entre as dúas disciplinas se esvaezan, facendo que os conceptos funcionen coma metáforas. Nesta novela, o autor lévanos con mestría ao mundo dunha rapaza que, en Rianxo, pasará por tres mudas do espírito a partir do pensamento de Nietzsche, sempre na procura do ideal da supermuller, sendo unha submisa camela, unha rebelde leoa e unha conciliadora nena. Novela de aprendizaxe, coa que se configura a identidade de Xeila, e nunca deixa de nos interpelar como adolescentes, nais, profesores ou seres humanos. Novela intelixente e incisiva, de obrigada lectura.