José Miguens, Rati: «Cando ganas es boísimo e cando perdes non vales»

S. GÓMEZ RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

LAURA MARTELO

O técnico afronta o seu segundo ano ao cargo do Unión

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Miguéns (Rianxo, 1979), Rati, afronta o seu segundo curso á fronte do Unión. Logo dun inicio de tempada en Primeira Galicia con máis fútbol que resultados, o conxunto de Vilas vén de gañar por 3-0 ao Flavia, vitoria balsámica que supón un auténtico balón de osíxeno.

-Conseguiron os primeiros puntos da tempada.

-Si, esta vez tivemos máis acerto de cara a porta. Xerábamos ocasións pero non eramos quen de finalizar. Non foi o encontro con máis posesión. Choveu durante todo o día, o campo paraba un pouco o balón e trabouse todo.

-Esperemos que sexa un punto de inflexión.

-O equipo estaba tranquilo. Está claro que cando ganas es boísimo e cando perdes non vales, pero traballamos ben. No vestiario saben que se fan as cousas ben.

-Afronta o seu segundo curso á fronte do equipo. Que Unión quere que se vexa?

-Creo que o xogo, máis alá do resultado, está sendo moito mellor. Este é un mes complicado para nós, polo tema da Guadalupe. E aínda así contra o Lalín, a pesar de que non puidemos gañar, rematamos fisicamente mellor ca eles. Creo que o dominio pola nosa parte é bastante grande, aínda que é complicado superar a 11 tipos que se poñen detrás da liña do medio do campo. Se seguimos nesta dinámica creo que podemos facer unha boa tempada.

-Para ascender?

-Eu quero chegar aos tres cuartos da liga por enriba do décimo posto, despois veremos onde somos capaces de rematar. Gustaríame ter un xogador destes de 20 goles ao ano, pero o noso máximo goleador do ano pasado foi Mauro, con seis. Temos un equipo moi mozo, pero podemos competir contra todos. Este ano a liga é máis igualitaria que no anterior.

-Ademais perderon a un dos mellores, como é Juanma.

-Si, pero tamén melloramos a liña de atrás. Temos máis xente, pero logo están as lesións. Non me podo queixar.

-Esta semana que vén tócalles contra o Baio.

-É un bo equipo, ao que lle gusta xogar e conta cun dos mellores dianteiros da categoría. Ao final hai que decidir nas áreas.