O décimo Seminario sobre a Memoria arrancará en Rianxo

A xesta do Novo Emden e unha homenaxe ás represaliadas abrirán un ciclo que seguirá na Fonsagrada


ribeira

De novo, unha alianza establecida entre Nova Escola Galega, o IES Félix Muriel e o Instituto Galego de Historia fai posible a celebración en Rianxo de algúns dos actos enmarcados na décima edición do Seminario sobre a Memoria. A vila barbancesa, na que o venres arrancarán as actividades, é protagonista xunto coa de Fonsagrada, onde se continuará desenvolvendo o programa o fin de semana.

A xornada a desenvolver en Rianxo estará especialmente dedicada á xesta do Novo Emden, unha embarcación construída en Palmeira no ano 1936 para un armador do Grove que estaba destinada a sumarse á costeira do bonito, pero que cambiou de rumbo ao estalar a Guerra Civil. Os seus 18 tripulantes fuxiron no buque da represión franquista, para logo participar en Francia na Segunda Guerra Mundial e, máis tarde, na revolta castrista de Cuba.

Marcos Gallego, un director que realizou un documental sobre a xesta deste barco, asistirá en Rianxo á proxección e tamén ofrecerá un relatorio sobre o proceso de creación do traballo audiovisual, convidando aos presentes a formular as preguntas que estimen oportunas.

Ademais, para as 20.15 horas hai programado, no antigo campo de concentración da vila, un acto para renderlle homenaxe ás mulleres represaliadas e tamén a aquelas que foron solidarias cos presos. Na organización destas actividades a desenvolver en Rianxo participan, entre outros colectivos, Barbantia e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

Xa na Fonsagrada, as xornadas continuarán o sábado e o domingo con varias actividades vinculadas ao Batallón Galicia, unha unidade militar que estivo operativa na fronte de Asturias durante a Guerra Civil. Incluso se visitarán lugares vinculados ao paso deste destacamento e haberá unha mesa redonda na que intervirán testemuñas de episodios vinculados a este batallón.

Como actividade vinculada ao Seminario sobre a Memoria, hoxe será inaugurada no instituto de Rianxo a exposición 80 anos. Santiago 1936. Trátase dunha colección de paneis que amosan os cambios que experimentou a cidade compostelá co estalido da Guerra Civil.

Están previstas as intervencións do rexedor local, Adolfo Muíños; do director do centro educativo, Ramón Veiga Fernández; e de Rafael García, comisario da exposición xunto con Alfonso Mato. Os dous regresarán o sábado a Rianxo para ofrecer unha visita guiada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

O décimo Seminario sobre a Memoria arrancará en Rianxo